No Culturgal que comezará o vindeiro venres, a Deputación volverá colocar un posto no que participan os concellos da provincia - este ano un total de 35 concellos- con material e iniciativas relacionadas co Patrimonio, tanto material como inmaterial. En esencia repetirase o esquema do ano pasado, cunha zona do posto para material impreso - folletos e dípticos-; dúas pantallas para visionado de vídeos; e un espazo para consulta de publicacións. Este ano engadíronse dous apartados máis: un espazo para que rapaces e rapazas poidan usar a app educativa 'As viaxes de Castelao', e un programa de micropresentacións no que os concellos terán a oportunidade de amosar a súa riqueza patrimonial.
"Esta edición do Culturgal é para nós como un paso intermedio entre o Ano Castelao que estamos a piques de rematar e o Ano do Patrimonio" asegurou Xosé Leal durante a presentación das actividades propias da Deputación na Feira das Industrias Culturais.
Programa micropresentacións
Trátase de tres bloques de presentacións, de 5 minutos cada unha, nos que quince concellos amosarán iniciativas e propostas culturais relacionadas co seu patrimonio. "O que quixemos é dar un espazo diferente aos concellos dentro do posto pero con dinamismo para o público" afirmou Xosé Leal. Os bloques inclúen cinco micropresentacións, e terán lugar o sábado pola mañá entre as 13 e as 13:25 horas; o mesmo día pola tarde entre as 18:30 e as 18:5 horas; e o domingo pola mañá entre as 13 e as 13:25 horas. E todas se realizarán no espazo do posto da Deputación.
A primeira destas micropresentacións será a correspondente ao Concello de A Illa de Arousa, que elixiu para presentar o programa 'Cultura nos Cons' ao actor e contador Carlos Blanco. No mesmo día continuarán os concellos de Poio e Bueu con iniciativas relativas ás embarcacións tradicionais e á salga, e os dous últimos concellos serán Cambados, coa musealización do legado de Cabanillas, e Covelo co Ciclo de Música Relixiosa de San Martiño de Barcia de Mera. Nos seguintes bloques participarán Ponteareas, Barro, Marín, A Guarda, Cuntis, Vilaboa, Rodeiro, Ribadumia, Nigrán e As Neves.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.