Neste mes de outubro comezan en 26 concellos da provincia 57 novos obradoiros do programa "Depo en Marcha", impulsado pola Deputación de Pontevedra -a través do Servizo de Cohesión Social e Xuventude- para fomentar o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas maiores da provincia. En total, ata finais de ano, desenvolveranse 160 talleres dos que se están a beneficiar asociacións de maiores, pensionistas e xubilados da provincia que participaron nesta convocatoria.
Na comarca do Salnés impartiranse cursos de "Manexo da ansiedade e do estrés" na Asociación Galega de Linfedema (Vilagarcía de Arousa) e no Club de Pensionistas de Sanxenxo, "Zumba" no Círculo Artístico Deportivo Gato Negro (Vilagarcía de Arousa), "Taichi" na Asociación C. Malveiras (Vilagarcía de Arousa), "Panadería e Repostería" na Coral Alento Xoven (Vilagarcía de Arousa), "Informática (Iniciación)" no Centro C.D. de Vilalonga (Sanxenxo), "Tapiñas e Petiscos" na Asociación O Batuqueiro (Cambados) e "Internet e correo electrónico" na Asociación Xubilados e Pensionistas San Estevo de Noalla (Sanxenxo).
Os obradoiros que se desenvolven agrúpanse en oito bloques temáticos, que tentan aproximar ás persoas maiores a diversos campos como a natureza, a cociña, o deporte ou as novas tecnoloxías. En concreto, os bloques son: Traballando coas Mans, Entre Fogóns, Aprendendo da Natureza, Móvete, Activando Corpo e Mente, Dálle Marcha, Enredando e En Rede.
A Deputación de Pontevedra impulsa "Depo en Marcha" para favorecer o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas maiores da provincia. Ademais, pretende que cada obradoiro se converta nun espazo de encontro e intercambio para os maiores, evitando así o illamento e a soidade e impulsando a independencia da xente maior.

No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.