O BNG ven de presentar no Parlamento Galego as seguites iniciativas relacionadas coa captación de augas no río Umia por parte de "Inmobiliaria La Toja". A proposta do BNG tamén será trasladada ao próximo pleno municipal.Montserrat Prado Cores e Ana Belén Pontón Mondelo, deputadas do Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), ao abeiro do disposto no Regulamento da Cámara, presentan unha pregunta para a súa resposta oral en Comisión, relativa á construción dunha represa no río Umia para a captación de auga para a illa da Toxa.
O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra do 18 de xaneiro de 2016, publica a “solicitude de Gestora Inmobiliaria La Toja S.A para autorización de obras de construción represa no lugar de Atranco, parroquia de Cabanelas, concello de Ribadumia (Pontevedra)”.
O BOP di textualmente “As obras solicitadas consisten na construción da
represa nunha superficie de 40.10 m. de lonxitude e 29,30 m. de anchura, con
coieira, cunha altura máxima de 1,80 m. sobre rasante, e bloques de 500 kg.,
noiros de 20/1(H/V) augas arriba e 2/1 augas abaixo, cun canal central para augas
baixas no lugar de Atranco, parroquia de Cabanelas, Ribadumia. Para
reconstrución de represa existente necesaria para evitar a salinización da captación
de auga par abastecemento da illa da Toxa”.
A inmobiliaria que fai a solicitude dispón dunha captación propia de auga
no río Umia, que usa para o abastecemento á illa, en especial para o rego do
campo de golf. A autorización da captación foi renovada por arte de Augas de
Galicia en xuño de 2015, e en relación coa mesma tamén se teñen realizado obras de mellora da canalización ata a illa da Toxa, que discorre pola Enseada do Bao,
que está dentro do espazo natural protexido Umia-O Grobe.
Non ten xustificación a realización desta represa, nin desde o punto de vista
da necesidade de subministro, xa que os concellos do Salnés captan a maior parte
da auga que consumen no río Umia no lugar de Ponte Arnelas, que previo paso
pola depuradora ubicada en Treviscoso, distribúe auga aos diferentes concellos,
contando o concello de O Grobe con tubaxe propia, nin desde o impacto
medioambiental que supón, tanto a infraestrutura como a canalización, para o
ecosistema do Umia.A isto hai que engadir as manifestación que teñen saído nos
medios de comunicación da inmobiliaria, nas que declara que non ten maior
interese na infraestrutura e que “foi Augas de Galicia quen nos obrigou a facer esta
obra”.O Bloque Nacionalista Galego, súmase aos colectivos que no Salnés manifestan a súa oposición a esta actuación no río Umia, (Colectivo Ecoloxista do Salnés, Club Naútico o Muíño, Asociación de Veciños de Oubiña...) un río que xa padece múltiples agresión mediambientais, e por iso formulamos as seguintes preguntas para a súa resposta oral en comisión:
-Considera o Goberno galego preciso a construción dunha represa no río Umia para a captación de auga para a illa da Toxa?
-Existe estudo de impacto ambiental, tanto da construción de represa no río Umia para a captación de auga para a illa da Toxa, como da canalización para levar a mesma, que transcurre pola enseada do Bao entre O Grobe e Cambados, que é Humedal protexido, zona ZEPA e Ramsar)?
-Ten o Goberno galego intención de facer todos os estudos precisos e tomar todas as cautelas antes de autorizar esta infraestrutura?
-Coida que o río Umia pode aguantar indefinidamente afectacións sobre o seu ecosistema?

No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.