O CONCELLO DE CAMBADOS RECIBE ÁS FAMILIAS AFECTADAS POLO COPAGO QUE A XUNTA DE GALICIA QUERE IMPOÑER AOS USUARIOS DO CENTRO OCUPACIONAL DE O SAIAR
A Alcaldesa, Fátima Abal, e o Concelleiro de Servizos Sociais, Tino Cordal, recibiron na mañá deste venres 14 de agosto na Casa do Concello ás familias cambadesas afectadas polo copago que a Xunta de Galicia quere impoñer aos usuarios do Centro Ocupacional de O Saiar. Onte xa visitaran o Concello de Cambados representantes da ANPA de dito centro para expresar a súa preocupación ante a esixencia de copago formulada pola Xunta de Galicia.
Fátima Abal e Tino Cordal amosaron o seu apoio tanto ás familias como á ANPA e comunicáronlles que presentarán unha moción no vindeiro Pleno para apoiar a gratuidade da atención recibida polos usuarios do Centro Ocupacional de O Saiar.
De feito, no Convenio que se asinou fai 25 anos entre a Consellería de Traballo e Benestar e a Comunidade de Montes acordouse que dita Comunidade doaba os terreos a cambio de que a Xunta construíra o Centro, tendo este que ter carácter gratuíto.
Ademais, o Centro amosa carencias importantes de infraestruturas, pois non está acondicionado nin para soportar o frío e a humidade do inverno (e cando chove ten goteiras) nin o calor do verán. Non se investiu nada no seu mantemento por parte da Xunta. Tampouco se dispón dun transporte adaptado para o traslado de usuarios, que pasan máis dunha hora dentro dun autobús para chegar ao Centro. Polo tanto, non se entende que a Xunta pretenda cobrar por un servizo que presenta tantas carencias.
No Concello de Cambados facilitóuselles ás familias cambadesas afectadas un modelo de recurso de alzada contra o copago no Centro de O Saiar para presentar ante a Xunta de Galicia. As familias cambadesas cubriron e asinaron dito recurso que foi presentado no mesmo rexistro do Concello para ser enviado á Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia.

No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.