Xornalismo é, escribir, publicar e transmitir o que non queren que se publique, escríbase e transmítase, o outro son "plumillas e relacións públicas da censura e a corrupción con premeditación e engano aos seus lectores".
CORES DO SALNÉS É UN BLO
G. Sobre todo crítico.

5 de agosto de 2015

A FESTA DO ALBARIÑO COMO AXENTE SOCIALIZADOR E CULTURAL









Unha vez rematada hai uns días a LXIII FESTA DO VIÑO ALBARIÑO, quixera facer unha pequena análise de cómo vexo eu a devandita festa.




A Festa do Albariño pódese ver dende múltiples ópticas e perspectivas. Hai quén só se fixa no malo: ateigamento, atrancos, atascos, borracheiras, mozos en comas etílicos, toneladas de lixo por tódolos recunchos... Supoño que os hostaleiros verana doutro xeito. E se lle preguntas ás autoridades competentes daranche tamén unha versión diferente. E poderiamos seguir así segundo quén sexa consultado e a qué se adique. Para un escritor, e supoño que para calquera artista, como un fotógrafo que pode tirar fotos sen parar ou un pintor que pode imaxinar múltiples cadros, a Festa do Albariño é unha fonte continua e inesgotable de inspiración, tal é a información que está recibindo a cada intre, visual, auditiva, de experiencia vital... Como digo eu, dende o meu punto de vista de escritor, a inspiración está na rúa; xa virá logo o traballo de formiguiña diante dun folio en branco.

As rúas énchense de colorido, de xente de distintas nacionalidades, de chiringuitos onde se venden todo tipo de productos, os máis variopintos, de atraccións para nenos en maiores, de actuacións musicais e teatrais, de xolgorio, xolga, festa, anécdotas a centos, de relacións humanas (algo esto último que estase a perder pouco a pouco)... 

Para mín na Festa do Albariño o máis importante non é o viño en sí, senon o que xurde ao seu redor, que converte a festa nun axente socializador e cultural de primeira orde e a Cambados no centro neurálxico de toda Galicia, porque a Festa do Albariño non é so viño; é moito máis que eso, aínda que moitos veñan só a beber e emborracharse. Nestes días que dura a festa, a vida da xente está na rúa, relacionándose uns cos outros en persoa, coñecendo xente, reencontrándose con amigos ou familiares que só se ven en ocasións como ésta, tomando un viño cos colegas arredor dunha mesa, bailando na rúa ao son das gaitas, as pandeiretas e os tambores... e non no facebook ou no whatsapp, tendo unha vida virtual, ás veces incluso inventada. Creo que todo na súa xusta medida e como ferramentas están ben, que por suposto eu tamén utilizo, ou como un xeito de coñecer virtualmente a alguén que logo se pode acabar coñecendo en persoa, como supoño que nos sucedeu a todos. Pero penso que non hai nada como relacionarse en persoa coa xente, pel con pel. Neste aspecto, a Festa do Albariño é un axente socializador de primeira índole. Durante os días que durou a festa, eu apenas utlilicei o whatsapp ou o facebook como non fose en momentos puntuais para localizar a algún amigo entre tantos miles de persoas ou para subir un par de cousas relacionadas coa propia festa que me parecían interesantes de compartir cos meus amigos de facebook que non tiveron a oportunidade de velas e disfrutalas. Preferin patear as rúas, observar, absorber, relacionarme, socializarme e intentar aproveitar a oferta cultural que a festa me ofrecía, diversa, ampla, de tal xeito que no mesmo día podía haber varios espectáculos, ás veces coincidentes na hora e para tódolos gustos, e os meus gustos son moi variados, co cal apetecíame velo case todo. 

Parecéronme moi interesantes os xogos tradicionais que durante todo o mércores se desenrolaron na Praza do Concello; encantoume o Mago Adri o mesmo día pola tarde no Pazo de Torrado, pero tamén ese mesmo día e case á mesma hora a actuación do grupo Dreadlockers na Praza de Alfredo Brañas ou un pouco máis tarde na Praza de Fefiñáns o I Festival do Albariño en galego, aínda que uns grupos, todos eles moi reivindicativos, máis que outros. Podería falar do grupo Killing Floor, formado por mozos moi novos, aos que eu lles auguro moito futuro, que vin o xoves ao mediodía na Praza de Alfredo Brañas, sentado na terraza dunha cafetería na compaña dun amigo; ou de Cabina 402, ese mesmo día pola tarde nesa mesma praza. Tamén alí, gustoume moito a actuación de Colt 45 o venres polo serán; e tiña curiosidade por ver o concerto de James ese mesmo día pola noite na Praza de Fefiñáns, pero naqueles intres estaba noutra zona de Cambados, arredor dunha mesa, na compaña dunha vella amiga á que só vexo de cando en vez e de outros amigos, disfrutando dunha boa conversa e un bo viño, moi a gusto e non se pode estar en dous sitios ao mesmo tempo.

Relacións humanas. Socialización. Fascinoume o grupo Turoqua, o sábado ao mediodía no Paseo da Calzada, do cal subín un vídeo ao meu muro e sorprendeume Noite Fechada, ese mesmo día pola noite na Praza de Fefiñáns. Pareceume moi divertido e interesante o grupo Mamá Cabra o domingo pola tarde tamén na Praza de Fefiñáns, espectáculo para nenos, pero tamén para maiores, do cal igualmente subín un vídeo ao meu muro. Podería falar doutras actuacións e espectáculos aos que asistín, pero sería alongar esto demasiado e aburrirvos con tanto nome. Por momentos, ver todos aqueles espectáculos e actuacións lembrábame, aínda que a moita menos escala e salvando as distancias, á Movida dos anos 80 en Vigo e Madrid, cando había multitude de grupos de toda índole que intentaban abrirse paso no mundo da música. Por un intre semellaba que Cambados viña de converterse nun Madrid ou un Vigo en pequeno, pero en pleno século XXI. Máis, a cultura non estaba só nos espectáculos e actuacións musicais, senon tamén nos chiringuitos que se extendían polo Paseo Marítimo, nos obxectos, utensilios, roupa... que neles se vendían, mostra das diferentes culturas e civilizacións de distintas partes do mundo. É moi interesante o que che pode contar un vendedor, si tés un intre para pararte a falar con el, sobre a súa cultura e os diversos usos dos distintos aparellos que tiñan alí á venta.

A Festa do Albariño non é só viño. Eu diría que o viño e o menos importante da festa, como non sexa para bebelo nunha boa compaña, para disfrutalo en armonia. A Festa do Albariño é socialización, cultura, colorido, vida na rúa, anécdotas, descubrimento, amizades novas, reencontros... Só hai que saber diversificarse, organizarse e disfrutar da festa en toda a súa plenitude, con todo o que che ofrece; non basealo todo en esperar á chegada da noite para emborracharse. Incluso diría que se pode disfrutar da festa sen apenas beber. A diversión non está nunha copa ou nunha botella, senon no xeito de ser de cada quen e nunha boa compaña. Ésta é a miña forma de ver a Festa do Albariño e a vida, quizá porque os meus gustos e inquedanzas culturais e persoais son diversos e podo disfrutar case con calquera espectáculo.

Pero xa se sabe que cada quén ve e disfruta a festa ao sei xeito e tamén que hai quen nona disfruta en absoluto. Xa se sabe que "nunca chove a gusto de todos", pero tamén que "nunca choveu que non escampara".


Unha reflexión de Óscar M. Rey.

Escritor e afeccioado a fotografía.








No hay comentarios:

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.