Para o BNG a participación social sempre foi un dos eixos para realizar unha axeitada xestión municipal. O noso sempre foi un proxecto colectivo e, como tal, require da participación de toda a cidadanía. Esa é a razón pola que o noso programa propón fórmulas que fagan sumar xente ao proxecto de concello que debe ser Cambados. Establecer canles de participación significa actuar en diferentes eidos da vida municipal que acheguen o cidadán á xestión. Nesa liña o BNG propón a creación de diferentes organismos de participación ou consellos sectoriais. Referímonos a organismos formados por grupos de persoas que aporten os seus coñecementos na materia e os seus intereses polo colectivo que representa.
Dentro dos consellos sectoriais, consideramos de especial importancia a creación dos Consellos Parroquiais, que estarían formados por unha representación dos veciños e veciñas dunha parroquia. Os Consellos Parroquiais non so serían órganos de dinamización da vida na parroquia senón que, ademais, terían a capacidade de decisión sobre prioridades en investimentos nas parroquias, é dicir, serían verdadeiros órganos de xestión, pois ninguén mellor ca eles coñecerían a realidade e as necesidades do seu contorno. Ninguén mellor caos veciños/as dunha parroquia poden saber o que necesitan.

Debe quedar claro que as propostas do BNG, en canto a actuacións parroquiais concretas, podería enriquecerse coas aportacións destes novos Consellos Parroquiais. Debe quedar claro que na actualidade nunha sociedade xusta e democrática non hai cabida para alcaldes presidencialistas ou mesmo ditatoriais, modelo PP. Un concello debe se xestionado entre todos e todas e coa responsabilidade de todos e todas; “Concello do Pobo ao servizo do Pobo”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.