O Candidato a Alcaldía, Tino Cordal, e varios membros da Plataforma veciñal Somos Cambados mantiveron no día de onte unha xuntanza con varios membros do cabildo e o Patrón Maior da Confraría de Cambados. Esta reunión foi a primeira das distintas xuntanzas que vai celebrar a candidatura veciñal Somos Cambados coas distintas organizacións sectoriais existentes na nosa vila, co obxecto de coñecer de primeira man as súas problemáticas. Non é casualidade que a primeira reunión de membros da candidatura SOMOS CAMBADOS fose na Confraría, pois entendemos que existe certo paralelismo entre a anterior Confraría e o Concello actual (ambos gobernados polo PP e salpicados por casos de corrupción). Cabe lembrar que, en xuño do ano pasado, a xente do mar formou unha candidatura xoven, preparada, con ideas e ilusión, e foi quen de derrotar a un Patrón Maior (presidente das confrarías de Galicia) apoiado pola Xunta e respaldado por Luis Aragunde e o Partido Popular de Cambados. A candidatura que gañou as eleccións á Confraría demostrounos que, a pesar da utilización por parte do PP de todos os recursos humanos e materiais, é posible derrotalos.
Dentro desta rolda de contactos na que nos imos reunir con todos aqueles sectores, asociacións e entidades que nos queiran recibir, Somos Cambados vai analizar todas as propostas incluídas no seu Programa de Goberno que poidan influír nestes sectores, así asumir como súas todas as inquedanzas e problemas de cada sector.
Na reunión coa Confraría tratouse a situación que está a atravesar un dos principais sectores, e motor, da economía cambadesa. Así, trasladáronsenos as alarmantes conclusións do informe de viabilidade do sector realizado polas confrarías de pescadores da Ría de Arousa. Os altos custes que están a sufrir para poder manter a súa actividade produtiva e, en contraposición, o alarmante descenso de capturas e a baixada dos prezos na lonxa, o que levou a solicitar a prestación por desemprego a máis de 70 empresas nos primeiros meses deste ano, xunto cos traballadores destas mesmas.

Por ultimo tamén estivemos comentando a pésima situación na que se atopa o peirao de amarre da Illa das Goritas, e a necesidade de instalar un novo peirao flotante en paralelo ao de Santo Tomé, para facilitar o amarre de moitas embarcacións de artes menores nunha zona de abrigo. Dende Somos Cambados queremos expresarlle o noso agradecemento a Confraría de Cambados por atendernos nesta reunión e trasladarnos as carencias e propostas dun dos principais sectores de Cambados.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.