Enoloxía e literatura únense na primeira das actividades académicas que a Universidade Internacional Menéndez Pelayo vai desenvolver este ano na provincia de Pontevedra en colaboración coa Deputación.
Trátase do curso Cunqueiro, Cambados e o Viño, que abrirá o programa de actividades o vindeiro 8 de xullo no Museo Etnográfico do Viño e que se centrará na relación do escritor co mundo do viño e a súa influencia na historia da gastronomía, así como o papel que desenvolveu e desenvolve o escritor e a enoloxía na promoción e difusión de Cambados e a provincia de Pontevedra.
Así o puxeron de manifesto esta mañá a deputada provincial Ana Isabel Vázquez e o director da UIMP en Galicia, Domingo Bello Janeiro, na rolda de prensa de presentación do programa inicial de actividades deste ano.
Un programa no que se segue a traballar e co que, segundo indicou Ana Isabel Vázquez, se busca afondar na difusión e coñecemento "da nosa cultura, das nosas formas de vida", ao tempo que se contribúe a impulsar a formación da cidadanía e á dinamización social.
Achegar os cursos ós cidadáns
Con este obxectivo, a UIMP e a Deputación de Pontevedra apostan un ano
máis pola descentralización da oferta formativa, achegándoa o máis
posible aos cidadáns, e por adaptar o máximo posible os temas que se
tratan en cada zona ao contorno e aos intereses da localidade.Ademais, como novidade nesta edición, a actividade formativa non se limitará ao período estival, senón que se prolongará ata mediados do mes de novembro.
O último dos cursos que xa está programado desenvolverase no Concello de Lalín e abordará o Tratamento Urbanístico do Espazo Rural en Galicia. Trátase, segundo destacou Bello Janeiro, de aproveitar que nesas datas se calcula que xa estará aprobada a nova lei do solo, para ofrecer "unha visión ampla e integral dos retos e oportunidades que presenta a nova lei para o desenvolvemento do medio rural".
Baixo a dirección de Román Rodríguez, profesor titular de Análise Xeográfica Rexional da USC, abordaranse as novidades normativas da lexislación, o papel dos concellos na ordenación urbanística, a construción do espazo rural etc. da man de técnicos administrativos, profesores universitarios e especialistas en urbanismo de recoñecido prestixio.
Relacións laborais
Do 28 ao 30 de outubro, será Vigo a cidade que acolla o encontro Cuestións Actuais en Materia de Relacións Laborais. Principais Novidades Normativas e Xurisprudenciais,
no que se repasarán aspectos como a negociación colectiva, a
flexibilidade laboral, a xubilación e outros aspectos do mercado de
traballo de plena actualidade nestes momentos.Trátase, segundo indicou Bello Janeiro, de facer un repaso de todos os aspectos controvertidos das relacións laborais, con especial atención a aqueles que rexistraron cambios normativos nos últimos anos.
Actualización do pensamento de Castelao
Finalmente, do 16 ao 18 de setembro, terá lugar na Estrada o encontro Castelao. Nova Interpretación do seu Pensamento no que se defende a plena vixencia do pensamento do ilustre galeguista aplicado á realidade actual.Baixo a dirección do presidente da Fundación Castelao, Carlos Mella Villar, abordaranse temas como Os setenta anos de "Sempre en Galiza", Castelao e a Política, Que nos queda de Castelao? ou Castelao e o home galego, entre outros temas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.