Enoloxía e literatura únense na primeira das actividades académicas que a Universidade Internacional Menéndez Pelayo vai desenvolver este ano na provincia de Pontevedra en colaboración coa Deputación.
Trátase do curso Cunqueiro, Cambados e o Viño,
que abrirá o programa de actividades o vindeiro 8 de xullo no Museo
Etnográfico do Viño e que se centrará na relación do escritor co mundo
do viño e a súa influencia na historia da gastronomía, así como o papel
que desenvolveu e desenvolve o escritor e a enoloxía na promoción e
difusión de Cambados e a provincia de Pontevedra.
Así o puxeron
de manifesto esta mañá a deputada provincial Ana Isabel Vázquez e o
director da UIMP en Galicia, Domingo Bello Janeiro, na rolda de prensa
de presentación do programa inicial de actividades deste ano.
Un
programa no que se segue a traballar e co que, segundo indicou Ana
Isabel Vázquez, se busca afondar na difusión e coñecemento "da nosa
cultura, das nosas formas de vida", ao tempo que se contribúe a impulsar
a formación da cidadanía e á dinamización social.
Achegar os cursos ós cidadáns
Con este obxectivo, a UIMP e a Deputación de Pontevedra apostan un ano
máis pola descentralización da oferta formativa, achegándoa o máis
posible aos cidadáns, e por adaptar o máximo posible os temas que se
tratan en cada zona ao contorno e aos intereses da localidade.
Ademais, como novidade nesta edición, a actividade formativa non se
limitará ao período estival, senón que se prolongará ata mediados do mes
de novembro.
O último dos cursos que xa está programado desenvolverase no Concello de Lalín e abordará o Tratamento Urbanístico do Espazo Rural en Galicia.
Trátase, segundo destacou Bello Janeiro, de aproveitar que nesas datas
se calcula que xa estará aprobada a nova lei do solo, para ofrecer "unha
visión ampla e integral dos retos e oportunidades que presenta a nova
lei para o desenvolvemento do medio rural".
Baixo a dirección de
Román Rodríguez, profesor titular de Análise Xeográfica Rexional da
USC, abordaranse as novidades normativas da lexislación, o papel dos
concellos na ordenación urbanística, a construción do espazo rural etc.
da man de técnicos administrativos, profesores universitarios e
especialistas en urbanismo de recoñecido prestixio.
Relacións laborais
Do 28 ao 30 de outubro, será Vigo a cidade que acolla o encontro Cuestións Actuais en Materia de Relacións Laborais. Principais Novidades Normativas e Xurisprudenciais,
no que se repasarán aspectos como a negociación colectiva, a
flexibilidade laboral, a xubilación e outros aspectos do mercado de
traballo de plena actualidade nestes momentos.
Trátase, segundo
indicou Bello Janeiro, de facer un repaso de todos os aspectos
controvertidos das relacións laborais, con especial atención a aqueles
que rexistraron cambios normativos nos últimos anos.
Actualización do pensamento de Castelao
Finalmente, do 16 ao 18 de setembro, terá lugar na Estrada o encontro Castelao. Nova Interpretación do seu Pensamento no que se defende a plena vixencia do pensamento do ilustre galeguista aplicado á realidade actual.
Baixo a dirección do presidente da Fundación Castelao, Carlos Mella
Villar, abordaranse temas como Os setenta anos de "Sempre en Galiza",
Castelao e a Política, Que nos queda de Castelao? ou Castelao e o home
galego, entre outros temas.