A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, vén de adxudicar á empresa Petrolama Veiga, S.L. as obras da Fase I de recollida de verteduras do Saco de Fefiñáns, no concello de Cambados, por un valor de 82.451,74 euros.
As obras da Fase I consistirán en afrontar o saneamento dunha rúa paralela á estrada autonómica PO-549 (Vilagarcía de Arousa- Cambados) e cuxo sistema de sumidoiros verte directamente sen tratamento sobre un dos dous regatos que chegan ao fondo do saco.
Trátase da rúa do Pombal onde se mellorará o saneamento cambiando 120 metros de colectores e instalando unha pequena estación de bombeo no punto baixo da zona no río Corvillón para recoller as augas residuais das vivendas desa rúa para impulsalas e poder conectalas á rede de saneamento actualmente existente.
Saneamento Integral do Saco de Fefiñáns: Fase II
O proxecto de Saneamento Integral do Saco de Fefiñáns, valorado en máis de 1 millón de euros, definiuse a partir do Plan de saneamento local da Ría de Arousa, que estudou co máximo detalle o funcionamento das redes de saneamento para atallar as súas problemáticas, especialmente en tempo de chuvia. No caso do saco de Fefiñáns, e ademais do saneamento da rúa Pombal que se inclúe na fase I, cómpre resolver verteduras directas e indirectas que hoxe en día se producen ao saco pola actual configuración da rede de saneamento.Na fase II recóllense as verteduras no contorno da avenida de Vilagarcía executando unha rede separativa de colectores de PVC e unha nova estación de bombeo integrada nun tanque de tormentas no Pombal. Este tanque, ou depósito de retención de augas unitarias, constará de canal de entrada, unha cámara principal de laminación e un pozo de bombeo. Finalmente, na Cabana proxéctase a execución dun novo colector que precisará da execución de varios treitos con perforación horizontal dirixida.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.