Un total de 1.614 traballadores e 1.054 empresarios do sector do mar concorren como candidatos a vogais das xuntas xerais das 63 confrarías de pescadores de Galicia nas eleccións para a renovación dos seus órganos reitores, que se celebrarán o 28 de xuño. Cumprida esta fase de proclamación de candidaturas definitivas deu comezo xa a campaña electoral, que se prolongará ata o 26 de xuño incluído, sendo o 27 de xuño a xornada de reflexión.
Elección dos patróns e vicepatróns
Os membros da xunta xeral elixirán por maioría simple en primeira volta ao patrón ou patroa maior entre os candidatos presentados. Para o caso de empate repetiranse as votacións en segunda volta e de manterse o empate resolverase a favor do de maior antigüidade na confraría e no caso de persistir o empate, a favor do de maior idade. A continuación e no mesmo acto, a xunta xeral elixirá de entre os seus membros os vicepatróns maiores primeiro e segundo e os vogais do cabido, respectando a paridade e proporcionalidade que se estableceu para a xunta xeral.
Todos estes pasos veñen explicados na normativa de convocatoria de eleccións, publicada no Diario Oficial de Galicia do 5 de maio de 2014 e que regula todo o proceso electoral nas confrarías de pescadores e establece o proceso a seguir en cada momento, detallando todos os pasos para elixir o patrón maior e os membros do cabido. Tal e como establece esta normativa, os comicios desenvolveranse en 3 partes. En primeiro lugar realizaranse as eleccións nas 63 confrarías de pescadores de Galicia, despois celebraranse as votacións nas 3 federacións provinciais e finalmente elixirase ao presidente da Federación Galega de Confrarías de Galicia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.