Logo do seu paso por Guitiriz, onde foi inaugurada hai un mes coincidindo co centenario do nacemento de Díaz Castro.
A Xunta de Galicia presentou onte en Vigo a exposición ‘Nimbos de Luz’, coa que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria conmemora as Letras Galegas 2014. A través de 14 paneis con texto e imaxes, e un documental, a mostra afonda na figura do poeta e tradutor guitiricense Xosé María Díaz Castro, para dar a coñecer entre a cidadanía a vida e a obra do escritor ao que a Real Academia Galega (RAG) lle dedica este ano o 17 de maio.
A delegada da Xunta de Galicia en Vigo, María José Bravo Bosch; e os secretarios xerais de Política Lingüística e de Cultura, Valentín García e Anxo Lorenzo, respectivamente, acompañados polo presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, e por dous dos comisarios da mostra, Luís González Tosar e Alfonso Blanco, presentaron a exposición en Vigo, onde se poderá visitar ata o 24 de marzo.
Tras o seu paso por Vigo, a mostra chegará a Pontevedra, onde a acollerá a biblioteca nodal Antonio Odriozola do 26 de marzo ao 14 de abril. O Centro Cívico da localidade coruñesa de Cerceda abrirá, do 16 de abril ao 8 de maio, a itinerancia da exposición ‘Nimbos de luz’ en concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, que incluirá como complemento e no marco da súa programación anual a xincana lingüística “Xosé María Díaz Castro na voz da xente”, destinada, en colaboración cos concellos, a alumnado de último ciclo de primaria e primeiro de secundaria.
As seguintes paradas serán a Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela (do 10 ao 26 de maio), a nova Casa das Letras da Estrada (do 28 de maio ao 11 de xuño), o Multiúsos da Xunqueira de Redondela (do 13 ao 29 de xuño), o Auditorio de Vilagarcía de Arousa (do 1 ao 30 de xullo), o Real Seminario de Santa Catalina de Mondoñedo (do 1 ao 29 de agosto), a Biblioteca Miguel González Garcés (do 2 ao 16 de setembro), a biblioteca nodal de Lugo (do 18 ao 30 de setembro), a Casa da Xuventude de Ourense (do 2 ao 16 de outubro) e a Casa da Cultura da Rúa (do 18 de outubro ao 3 de novembro).
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.