O Consello de Contas de Galicia (CCG) destaca no seu último informe de fiscalización o peso do gasto corrente na distribución de recursos das deputacións provinciais "con especial énfase" no apartado relativo ao persoal da Deputación de Ourense que en 2009, cando aínda estaba á fronte o exbarón popular José Luís Baltar Pumar, absorbeu case un 40 por cento do seu gasto.
Así, o órgano fiscalizador constata que, "ao igual" que ocorre no caso dos concellos, as deputacións galegas "destinan máis recursos" que as do resto do Estado a cubrir os gastos ocasionados polo seu persoal e tamén invisten máis en bens e servizos, sobre todo a ourensá.
O propio informe, que o conselleiro maior do órgano fiscalizador, Luciano Fariña, entregou este venres á xefa do Lexislativo, Pilar Rojo, certifica que a porcentaxe de gasto que no último exercicio analizado reservou a institución provincial ourensá para persoal é "moi superior" ao do resto de deputacións.
Nun contexto no que hai discrepancias entre os distintos partidos sobre o papel que deben xogar estas institucións, o Consello de Contas constata que entre as deputacións aprécianse "importantes diferenzas" tanto "na natureza do gasto como nos índices de execución". No seu conxunto, executaron o 54,11 por cento dos créditos autorizados, recoñecendo obrigacións por 542,7 millóns, dos que se pagaron o 94,38 por cento.
Así, a Deputación de Ourense é a que dedica unha maior porcentaxe do seu gasto ao corrente --un 67,22 por cento do total--, mentres que a de Pontevedra destina a maior parte da porcentaxe do seu orzamento a operacións de capital (41,67 por cento) e Ourense, a que menos (24,45 por cento). A Deputación de Lugo destaca "pola escasa incidencia" que teñen as operacións financeiras con respecto ás súas homólogas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.