A Manifestación celebrada o domingo en Santiago convocada por SOS Sanidade Pública
en contra dos recortes e a privatización do sistema sanitario público
congregou a miles de persoas que mostraron así a súa preocupación e
repulsa aos cambios introducidos no sistema polos gobernos de Mariano
Rajoy e Núñez Feijoo, que supón a eliminación dunha das bases
fundamentais da Constitución que garantía o dereito universal á saúde de
todos os cidadáns en condicións de equidade, accesibilidade e calidade.
A pesar da dificultades de organizar de xeito unitario a mobilización, esta tivo un indubidable éxito de participación, a pesar de ser momento difícil para estes eventos polos continuos chamamentos de diferentes organizacións de todo tipo a manifestar o seu descontento coas políticas para facer fronte á crise.
A elevada participación e as importantes adhesións do ensino público, a cultura, a política ou a sociedade, supón a confirmación de que SOS representa unha alternativa crible e unha esperanza para unha parte importante da sociedade galega (ata por encima da súa adscrición ideolóxica) de que a sanidade pública non esta perdida de xeito irremediable. Somos capaces de pór en cuestión con argumentos sólidos e comprensibles, as consecuencias previsibles das políticas de desmantelamento da sanidade pública que están levando adiante o PP nos gobernos central e galego.
A unidade, o traballo conxunto, e a lealdade mutua de todos/as en defensa do sistema de saúde son un dos principais valores de SOS que non deberiamos perder. Os riscos asociados ao éxito de SOS como alternativa mobilizadora contra a privatización sanitaria son evidentes (os gobernos intentan desacreditala, pode xurdir a tentación de manipulala con fins partidistas ou de desmantelala para evitar competencias con outros proxectos), pero fomos capaces de superalos.
Dende a plataforma queren agradecer o esforzo realizado ás organizacións,
plataformas e persoas individuais que compoñen SOS e aos miles de
cidadáns e cidadás que responderon ao seu chamamento e alertamos de que a
batalla vai ser longa se queremos manter o noso sistema sanitario
público.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.