O cambadés Tino Cordal é un dos máximos expoñentes de +Galiza no Salnés e trala asamblea do
pasado fin de semán esta forza política tratará de camiñar separada do BNG. É por iso que lle fixemos unha pequena entrevista a Tino para saber algo máis sobre el e sobre MÁIS GALIZA.
Fainos unha pequena biografía.
Teño 41 anos. Son Doutor en Ciencias Políticas e Socioloxía pola
Universidade Complutense de Madrid, e Master en Administración Pública
Europea pola Universidade Católica de Lovaina (Flandes, Bélxica). Desde o
ano 2004, son Profesor da Área de Ciencia Política e da Administración
na Universidade de Vigo. Imparto docencia na Facultade de Ciencias
Sociais e da Comunicación en Pontevedra. Aínda que tamén o fago en dous
Master na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Vigo e na
Escola de Economía e Xestión da Universidade do Minho en Braga
(Portugal).
Como, cando e porque entras en política.
Na casa, na miña familia, vivo a política desde moi novo, cunha intensidade que se acelera co remate da adolescencia e logo xa na universidade. Oficialmente, a miña entrada en política data de 1995, cando me presento ás eleccións locais na candidatura do BNG encabezada daquela polo meu admirado Xoán Antonio Pillado Silvoso.
Explícalles aos nosos lectores que é o BNG (partidos ou grupos que o compoñen e como é MAIS GALIZA
A verdade é que, a estas alturas, nin me apetece nin me considero a persoa máis axeitada para falar do BNG. Eu pertenzo a Máis Galiza (+G), antes unha corrente agora un partido que avoga por un nacionalismo aberto (cara ao galeguismo), progresista e transformador que ten como obxectivo acadar unha maioría social para ser alternativa ao PP e as súas políticas aniquiladoras do Estado do Benestar, e evitar ademáis a descomposición do país no terreno identitario, loitando con intelixencia e pragmatismo contra a que parece unha decidida pretensión de facer desaparecer a nosa lingua e a nosa cultura.
Tino Cordal na sua intervención na asamblea de +Galiza |
Para os lectores que non están dentro do BNG o tema das escisións ou saídas do grupo é algo que non entenden, poderías explicarllo dunha maneira sinxela?
Na última Asemblea Nacional do BNG había inicialmente catro propostas (Apu-Upg, Mgs, +G e EI) que logo quedaron en 3 pola alianza entre +G e EI, e finalmente en 2, pois as dúas primeiras tamén se aliaron. EI, primeiro, e +G despois decidiron saír do BNG e aspiran a conformar unha nova forza nacionalista de cara ás vindeiras eleccións galegas.
Porque a ruptura nestes intres?
O ambiente, que se foi cargando co paso do tempo, resultaba irrespirable. Tanto EI coma nós (+G), e probablemente as outras partes tamén.., percibíamos que a convivencia xa non era posible. Por outra banda, na Asamblea de Amio o BNG apostou, desde o noso punto de vista, por unha excesiva clarificación ideolóxica, escorándose claramente cara ao marxismo leninista e inclinándose a prol dun soberanismo radical. Pareceunos que escoller ese camiño era exactamente o contrario do que debería facer o Bloque para intentar recuperar apoios e poder ser visto pola sociedade galega como unha alternativa de goberno ao PP.
Aínda está a tempo. As eleccións pódense convocar con 60 días de antelación. De tódolos xeitos, a razón que ti sinalas non pode xustificar ante a cidadanía dito adianto. Terá que buscar unha escusa máis sólida. Se é capaz de atopala...
Non cres que esta división do BNG fará dano no nacionalismo. Os votos estarán máis espallados en pequenas formacións.
En Galicia hai 700 mil persoas que elección tras elección fican na casa sen votar. Ademais, o BNG perdeu 180 mil votos na última década. A isto súmanse os 250 mil que perdeu o PSOE nas últimas eleccións. Hai espazo para unha nova forza. E o Bloque xa non parece capaz de ilusionar a toda esa xente. En +G entendemos que agora dúas formacións nacionalistas poden sumar máis que unha soa.
Desexamos crear unha forza nacionalista cohesionada fóra do BNG. Dependerá do tempo que teñamos e da confluencia cos demais que sexa un partido ou unha coalición. Non queremos unha fronte nin outro BNG bis.
Veste encabezando ou participando nunha lista ás municipais próximas diferente á do BNG.
Aínda falta moito tempo para maio de 2015. Poden suceder moitas cousas antes.
Ata eiquí a entrevista con Tino Cordal agardamos que vos gustara e despexara algunha dúbida que poiderades ter.
Moitas grazas a Tino pola sua colaboración nesta primeira entrevista no blog CAMBADOS XUSTO
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.