Xornalismo é, escribir, publicar e transmitir o que non queren que se publique, escríbase e transmítase, o outro son "plumillas e relacións públicas da censura e a corrupción con premeditación e engano aos seus lectores".
CORES DO SALNÉS É UN BLO
G. Sobre todo crítico.

27 de octubre de 2015

¿POR QUE TIVECHES QUE PARTIR TAN CEDO “BENDITO CABRÓN”?








¿POR QUE TIVECHES QUE PARTIR TAN CEDO  “BENDITO CABRÓN”?
 (A MIÑA DESPEDIDA A CHON,  UN GRANDÍSIMO TIPO)

POR RICARDO DOMÍNGUEZ REY




Sinceiramente, nunca pensei que tería que escribir un artigo coma este e agora entendo mellor  o que debeu sentir, no seu dia, o propio Xaquín Charlín “CHON” tras o falecemento do seu, entón,  compañeiro na oposición, o socialista Rafael Blanco ou, máis recentemente, na morte do noso amigo común, Luís Rei, cando decidiu dedicarlles, a ambos,  unhas palabras a modo de homenaxe.
Non vou facer un resumo de todo o que supuxo e aportou  CHON á nosa vila e aos seus veciños  por que, nestes días, e por si alguén non o sabia aínda, quedou máis que exposto e aclarado;  máis ben, prefiro centrarme, sinxelamente, na súa faceta humana, na persoa que coñecín e da que me sinto, realmente, orgulloso de ter sido o seu amigo, e non se me ocorre mellor maneira que relatar unha anécdota, totalmente verídica, que lle aconteceu a unha amiga miña e que me contou ela no seu dia e que reflexa, a perfección, como era CHON.
Resulta que a miña amiga estaba casada e, por circunstancias da vida, como outros moitos matrimonios, acabou separándose; pois ben, nese momento, comezaron a circular polo pobo rumores de todo tipo, amplificados polo que hoxe en dia, supón esa “ágora” virtual que son as redes sociais e que, básicamente, dicían  que esta moza se separara por que o seu marido a atopara na cama cun amigo común do matrimonio, (amigo, que por certo,  tamén estaba casado)   cousa que, sexa dito,  era totalmente falsa; pois ben, como dicía, a miña amiga foi “crucificada” con tales rumores  ata que un dia explotou e soltou a súa ira en Facebook, intentando  desmentir tales calumnias; o seu comentario chegoulle a oídos de CHON e, a pesar de que non a coñecía persoalmente, mandoulle un privado non que lle dicía, básicamente,  que era unha muller libre, e unha vez separada non tiña por que darlle contas nin explicacións a ninguén, que debía pasar do que dixera a xente e, que en todo caso, o problema o tería o home casado co que, supostamente, tivera tal relación e non ela.  A miña amiga díxome que, naqueles momentos que o estaba pasando tan mal, aquelas palabras de alento foi o mellor que lle pasou e sentenciou: “Dende ese dia vou con CHON  a morte”.

Cecáis ese era un dos rangos máis destacados da personalidade de CHON, a súa predisposición en axudar aos demais: cando Merche pediulle axuda para  dar a coñecer  a enfermidade terrible que padecía, o AME, CHON implicouse a fondo como o que mais; tamén fíxose eco das demandas do Armenteira Club de Futbol reclamando unhas instalacións dignas ou das protestas de SOS PANADEIRA;  do mesmo xeito,  denunciou as presións “cuasi” mafiosas que  sufría un veciño por parte do   goberno local que, daquela,  mandaba nun pequeno municipio do Salnés e, tamén, non dubidou, en prestarlle axuda e asesoramento a unha muller que estaba recibindo ameazas  a través das redes sociais; así era CHON, unha persoa dunha inmensa nobreza que non lle importaba enfrontarse aos mais poderosos e denunciar  as inxustizas que se cometían cos máis  débiles.
Si tivera que definir a CHON cunha soa palabra, esa, sen dúbida, seria “paixón” , CHON era un home, sobre todo, apaixoado que, si ben, acostumaba a ser racional, en  ocasións, guiábase máis polo corazón que pola cabeza; con paixón falaba sempre da súa muller Tere e dos seus fillos, Xaquín  e Mariña; sentía paixón polos seus amigos e por eles daba a a cara e, paixón, tamén,   poñía en todo o que facía,  xa fora preparando o Entroido coa inesquecible UNHA GRANDE CHEA,  como membro activo  da asociación CORVILLON XIRONSA ou ao fronte do seu blog “A TI MEU CAMBADOS”, pódese dicir que CHON foi  un home  que soubo sacar o mellor da vida e vivila apaixoadamente.
Como xa dixen, CHON era un home moi familiar en toda a extensión da palabra, non so era un gran esposo, un gran pai ou un gran fillo senón que era algo tan difícil de ser, como  un gran cuñado e diso poden dar fe Luís Martinez e Manuel Leiroski.
Moitas veces tiñamos discutido  CHON e máis eu da influencia e a importancia  do seu blog no devir e sentir  do pobo e CHON acostumaba a dicirme: “mira, Ricardo, eu xa sei que para moita xente son un cabrón pero a estas alturas non vou cambiar” cousa que, obviamente, rebatíalle: como xa contei nunha ocasión, lembro as palabras que nunha ocasión díxome alguén: “CHON expresa o que a moitos nos gustaría poder  expresar  pero non podemos ou non nos atrevemos a dicir”;  CHON, pode ser que se gañara algunha enemizade, probablemente;  creo que foi Martin Luther King   o que dixo nunha ocasión: “Para ter inimigos non fai falta declarar unha guerra, soamente basta con dicir o que se pensa” e CHON acostumaba a dicir o que pensaba asumindo as consecuencias pero, dende logo, o seu número de amigos era infinitamente superior aos seus inimigos i, estas derradeiras semanas, desgraciadamente  foron unha boa proba de tal cousa: cando se soubo que estaba enfermo, a campaña #ANIMOCHON demostrou que moitos queriámolo e o preocupados que estábamos  polo seu estado de saúde e, sobre todo, o dia do seu multitudinario funeral quedou ben as claras todo o que representaba para Cambados a persoa de CHON.     
Lamentei moito non poder estar no último adeus do meu amigo, cando vives tan lonxe de Cambados e o repentino do seu falecemento fíxome imposible estar presente aínda que, por outro lado, mellor que fora así , prefiro que a última imaxe que teña de CHON sexa cando o vin na Festa do Albariño: alegre e festeiro coma sempre, sen dúbida  a súa particular  “marca da casa” e como, sen dúbida, moitos o lembraremos  eternamente.
Confesarei que non son crente senón mais ben todo o contrario pero, dende logo, si existe o ceo non teño a menor dúbida de que alí estará CHON,  “jodéndolle” a cabeza a San Pedro e dicíndolle algo do estilo: “Mira, Pedriño,  aquí non se está mal pero estarás dacordo  conmigo  que como en Cambados en ningún sitio” e, o pobre gardián das portas do ceo,  pensará, seriamente,  que para que se calara  se non habería forma de reencarnalo o, directamente mandalo de volta a terra dunha patada no cu.
    

UN SAUDO A TODOS E A TI, CHON, 
GRAZAS POR TODO O QUE NOS APORTACHES. 

 RICARDO DOMINGUEZ REY





No hay comentarios:

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.