Xornalismo é, escribir, publicar e transmitir o que non queren que se publique, escríbase e transmítase, o outro son "plumillas e relacións públicas da censura e a corrupción con premeditación e engano aos seus lectores".
CORES DO SALNÉS É UN BLO
G. Sobre todo crítico.
Mostrando entradas con la etiqueta HISTORIA. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta HISTORIA. Mostrar todas las entradas

16 de noviembre de 2020

RECUPERACIÓN E POSTA EN VALOR DO SISTEMA HIDRAULICO DO SECULO XVI DO CONVENTO FRANCISCANO


O Concello de Cambados recuperou e puxo en valor as antigas pezas do sistema hidráulico do Convento Franciscano no Día do Patrimonio

Hoxe luns 16 de novembro celebramos o Día Internacional do Patrimonio Mundial. Na Concellaría de Patrimonio do Concello de Cambados traballamos para conservar, protexer e difundir o noso patrimonio documental, no que se reflicte a memoria colectiva de Cambados.

O Concello de Cambados adhírese ao compromiso de velar pola protección desta valiosa fonte de coñecemento da nosa diversidade cultural e social. En 2021 cumplense 20 anos da Declaración de Ben de Interese Cultural do Conxunto Histórico Artístico de Cambados, motivo polo que se van realizar unha serie de actividades que ao longo deste ano van poñer en valor, protexer e divulgar o Patrimonio Histórico do pobo de Cambados.

Unha destas actividades foi a recuperación e posta en valor de 5 pezas do sistema hidráulico do antigo Convento Franciscano gracias a colaboración do historiador cambades Gumersindo Mosteiro. 

Máis info, aquí


15 de noviembre de 2020

OS RESTOS APARECIDOS NA TORRE DE S. SADURNIÑO POR FIN PROTEXIDOS



Os traballos de instalación dun gavión no illote de San Sadurniño, en Cambados, están xa rematados.

Trátase dun barreira de pedras situadas no interior dunha gaiola metálica, que protexe o perfil arqueolóxico da erosión das mareas.

Os fortes temporais de inverno deixaron ao descuberto hai máis de 6 anos un xacemento arqueolóxico nunha das caras de San Sadurniño. Daquela Cores de Cambados fixérase eco da aparición alertado por un veciño coñecedor de parte da historia que rodea a Illa da Figheira. O goberno do PP limitouse a mal tapar os restos que ao pouco volveron a ser visibles.

Pero sen a protección das capas superficiais de terra, os vestixios perigaban xa que os efectos das mareas poderían arrastrar partes do xacemento.

Por tal motivo, o Concello de Cambados optou por protexelo creando unha nova estructura de pedra.

O goberno municipal finaliza así a primeira actuación para promover o valor patrimonial dun dos espazos máis visitados da vila.

O seguinte paso sera reanudar os traballos de excavación durante a primavera e dar a coñecer á veciñanza a historia do illote mediante  visitas guiadas. 

Como dixemos, hai case 7 anos este blog fíxose eco gracias a colaboración dun veciño do achádego. Naquel intre  houbo algún ilustrado que pouco máis que si reía de todo esto. Que dirá agora ese xunta letras?

Info e imaxes de Arousa Sí Radio.


5 de noviembre de 2020

INICIAN OS TRABALLOS DE PROTECCIÓN DO ILLOTE DE SAN SADURNIÑO



O Concello de Cambados deu inicio ás obras de protección sobre o Illote de San Sadurniño para frear a erosión provocada polas mareas.

Co fin de telo preparado antes da chegada da época de temporais, empezou a instalación dos gavións, compostos por pequenas pedras cubertas cunha rede metálica.

Ademáis, aproveitando a actuación xa se iniciaron tamén as primeiras excavacións arqueolóxicas que, nunha segunda fase do proxecto, en primavera do ano que ven, permitirán profundizar e divulgar o valor patrimonial dun dos espazos máis turísticos do municipio.
De momento, as indagacións das arqueólogas xa deron con varios achádegos de cerámica da época medieval.


O municipio puxo en marcha un proxecto divulgativo e patrimonial vinculado ás ruínas da Torre de San Sadurniño. Cambados é considerado un auténtico museo ao aire libre. Este municipio, naceu da unión de tres antigas vilas independentes: San Tomé, Fefiñáns e Cambados. As particularidades de cada unha delas mantivéronse no tempo, formando un dos conxuntos urbanos máis singulares das Rías Baixas. Fronte ao hoxe barrio mariñeiro de San Tomé do Mar álzase a silueta da torre de San Sadurniño, ou máis ben o que queda dela. Situada no pequeno illote da Figueira, as ruínas desta torre únense a terra firme por unha ponte duns 170 metros de longo. Ao ser unha zona de marisqueo, se hai marea baixa tamén se pode chegar camiñando. A panorámica desde a súa entrada é envexable, recollida pola Illa dá Toxa á súa esquerda, e a Illa de Arousa a man dereita. Por todo iso, o concello de Cambados quere poñer en marcha, a partir de primavera, un plan de promoción do valor desta zona, declarada Ben de Interese Cultural en 1994. O proxecto inclúe unha parte divulgativa, coa que se quere achegar en primeiro lugar a historia de Cambados ao seu pobo, e outra patrimonial, que pretende sacar a relucir os posibles restos da antiga capela e outras vivendas. As dúbidas sobre a súa creación As ruínas da Torre de San Sadurniño son o último vestixio do que no seu día puido ser unha fortaleza. Construíuse, segundo o famoso cronista José Caamaño Bournacell, na segunda metade do século X, na época do bispo compostelán Sisnando. Aínda que para o historiador cambadés, Sindo Mosteiro, a edificación construíuse moito despois, a principios do século XVI, como torre xurisdicional para usos administrativos. As interpretacións do historiador, incluídas no seu libro A Torre e a sombra, rompen con moitos dos feitos coñecidos sobre Cambados. Desde o concello apoian esta versión e mesmo solicitaron á Deputación de Pontevedra unha subvención para cambiar os paneis informativos das ruínas.



16 de octubre de 2020

O CONCELLO DE CAMBADOS PROXECTA A EXCAVACIÓN ARQUEOLÓXICA DA TORRE E A SÚA DIVULGACIÓN PATRIMONIAL


Hai case 7 anos, concretamente o 8 xaneiro do 2014, Cores de Cambados publicaba a aparición de restos dun posible castro na illa da Figheira, o que todos coñecemos como illote da Torre.

Alertados por un veciño acudimos a súa chamada para contemplar o que parecían restos de vivendas ou dunha fortificación. Na nosa ignorancia non podíamos detallar con precisión o que alí se vía. Houbo incluso desde a dereita mediática quen nos acusou de reinventar a historia. Demostrouse despois que que a ignorancia era a deses escribidores.

Naquel momento gobernaba o PP e non se fixo nada por sacar a luz a realidade, fora a que fora. O que se fixo foi botar terra, area neste caso, sobre os restos.
Máis adiante co cambio de goberno tentouse investigar máis. Protexéronse os restos dunha maneira algo máis eficaz agardando a unha ocasión máis propicia económicamente.

Agora o Concello de Cambados proxecta unha actuación sobre o illote de San Sadurniño que permita a protección do espazo e ao tempo a súa divulgación patrimonial.

Con esta finalidade, o goberno municipal porá en marcha dúas intervencións que foron presentadas onte polos Concelleiros de Obras e Patrimonio, Samuel Lago e Xurxo Charlín, e a historiadora Alicia Padín.

A primeira, que comezará nos vindeiros días, será a creación dunha barrera física, para frear a erosión provocada polas mareas, mediante gavións de pequenas pedras cubertas cunha rede metálica.

Os traballos, que o Concello quere ter rematados antes de que empecen os temporais, xa foron adxudicados á empresa Covsa por un importe de 8.500 euros.

Pero ademáis desta actuación, o Concello quere profundizar sobre o valor patrimonial do illote e da Torre de San Sadurniño, non só a nivel turístico senon, sobre todo, entre a propia cidadanía de Cambados.

Para elo, aproveitando que se cumplen vinte anos dende a declaración do casco histórico como Ben de Interés Cultural, BIC, porase en marcha un proxecto arqueolóxico e divulgativo.

Por unha banda, cando volva o bo tempo, na próxima primavera, iniciarase unha excavación arqueolóxica que determine con máis exactitude a época do enclave, fenicio, castrexo, romano ou medieval segundo diversas teorías.

O proxecto, que se irá desenvolvendo en varias fases, incluirá a instalación de novos paneis informativos, para os que o Concello solicitará unha subvención da Deputación.

O custe restante, ainda sen orzamentar, será sufragado con fondos municipais.

Ao mesmo tempo, se a situación da pandemia o permite, organizaranse visitas guiadas para escolares e asociacións co fin de que a veciñanza de Cambados coñeza e valore este espazo do seu patrimonio.


Artigo de Cores de Cambados do 2014

Mareas vivas, vento do oeste e mar de fondo......


3 de octubre de 2020

CAMBADOS NOMEARÁ A DOLORÈS DEL VALLE BECHADE FILLA ADOPTIVA


O xoves 8 de outubro se celebrará un Pleno extraordinario  para facer Filla adoptiva de Cambados a Título Póstumo a Dona María Dolorès del Valle Béchade, "A Francesa" pola súa xenerosidade co pobo de Cambados, saldando así unha débeda histórica coa gran benfeitora da nosa vila.

Desde o ano 2016, o parque infantil de enfrente ao Concello leva o seu nome, pero non é suficiente como para recoñecer a labor que esta muller fixo ao longo da súa vida (foi voluntaria como enfermeira durante a I Guerra Mundial en Angôuleme,  durante a Guerra Civil facendo o voluntariado no hospital improvisado na Toxa,  viviu na súa casa en Francia con nazis evitando que se apropiasen da súa casa...


Fixo moito pola mocidade cambadesa, donou os terreos para un campo de fútbol,  de cuio clube foi a presidenta (a primeira muller presidenta dun clube de fútbol) e que levaba o nome do seu irmán falecido (Merced), un espazo para a xuventude (Praza de a Xuventude), para unha granxa escola (pazo Serantellos, onde faleceu o 11/10/1967), daba clases e ensinaba a ler e a escribir a xente maior analfabeta da época, pintaba cadros, tocaba o piano, escribía sobre Cambados nun periódico francés... Está enterrada xunto cos seu pais e a súa irmá María no cemiterio de Santa Mariña. 

Bea Laya fixo unha reportaxe á súa única parente viva, a súa sobriña Lucía Vidal  de 104 anos. 

Tras esa reportaxe, non se pode esperar máis para facerlle un recoñecemento en nome do noso pobo.

Ademáis a praza de A Xuventude pasarase a chamar  "Praza de A Xuventude de Dolorès del Valle " e será acondicionada para a mocidade cambadesa para q aquel sexa o seu lugar de lecer, como era o desexo de "A Francesa".


MOCIÓN

O 24 de abril de 1885 foi unha data importante para o pobo de
Cambados por un feito ocorrido a algo máis de 1000 km de distancia,
en Angôuleme, ao suroeste de Francia.
E é que aquel día viu ao mundo María Dolorès del Valle Béchade, unha
figura moi importante para o desenvolvemento da nosa vila,
especialmente da súa mocidade, durante o século XX.
Coñecida como “A Francesa”, nunca deixou de selo, pois a pesares do
agarimo que sentía polo noso pobo e as importantes raíces que
botara nel, nunca renunciou á súa nacionalidade francesa.
O seu contacto con Galicia debeuse a motivos familiares, xa que a
amizade de seu pai, Leon-Manuel-Anatole del Valle co profesor Manuel
Burillo, descubriulles á familia del Valle Béchade os encantos do sur
da Ría de Arousa, a onde acudían dende finais do século XIX a tomar
os baños na Toxa. Aquí comezou a relación dos “franceses” con
Cambados, mercando no 1895 a casa natal de Francisco Asorey, e no
1902 o fermoso Pazo de Serantellos, o cal xa levaban tempo tratando
de facerse con el.
Cando Dolores del Valle contaba con tan só dezaoito anos, publica
unha serie de artigos no xornal francés L’Univers nos que describe a
comarca do Salnés. Grazas a eles podemos coñecer un pouco máis
sobre A Lanzada e a Armenteira a comezos do século XX, e zonas de
Cambados que naquelas datas xa estaban en posesión da familia: a
finca da Regueira, a zona de Tragove ou o Pazo de Serantellos. Tamén
nos permite coñecer de primeira man a festividade da romaría da
Pastora, con todo luxo de detalles. Grazas a estes escritos, publicados
tamén en castelán en varios xornais galegos, podemos apreciar o
profundo agarimo que Dolorès sentía pola nosa vila e a súa contorna,
como demostrará algúns anos despois.
Segundo os xornais da época, e tal e como recorda a súa familia, seu
pai xa mostrara interese por mellorar as condicións tecnolóxicas da
agricultura da zona, moi atrasada por entón en comparación coas
innovacións que se estaban a producir en Europa, finalidade coa que
mercara o pazo de Serantellos, e que finalmente se veu frustrada polo
prematuro falecemento do primoxénito da familia e irmán maior de
Dolorès, Merced. Tamén a comezos do século, abriron a ostreira do
Pombal, aínda que sen grande éxito, tendo que pechar ao pouco
tempo.
De Dolorès del Valle sabemos que destacaba polas súas habilidades
artísticas, tanto no eido da música como da pintura. Pero tamén pola
súa traxectoria vital, xa que foi testemuño das tres grandes guerras
que asolaron Europa durante a primeira metade do século XX. Na I
Guerra Mundial exerceu como enfermeira no hospital de Angôuleme, durante a Guerra Civil española presentouse como voluntaria para atender aos feridos do bando nacional no hospital aberto no Hotel da
Toxa, e durante a II Guerra Mundial volveu a Angôuleme para protexer
a súa casa, por aquel entón ocupada polos nazis. Sen dúbida, estes
feitos fálannos da valentía dunha muller cunha clara vontade de
tomar parte na realidade daqueles tempos.
Pero o feito que nos ocupa, nomeala co recoñecemento de filla
adoptiva de Cambados, débese a outras circunstancias, as cales
están vinculadas coa xenerosidade que amosou cara a vila de
Cambados a partir da década do 1930.
Grazas a ela, os mozos da época puideron contar cun campo de fútbol
no que desenvolver actividades deportivas, trala cesión no 1932 dos
terreos que tiña a familia na zona do Pombal, fronte a Tragove, ás
Juventudes Católicas. O campo de fútbol de A Merced, nome en
recordo do seu irmán falecido, foi inaugurado cun partido de fútbol do
Juventud Fútbol Club, equipo que, segundo recolle o xornal El Pueblo
Gallego, por aquel entón estaba presidido por Dolorès, feito que de
ser certo, a convertería na primeira muller en acadar tal cargo nunha
entidade deportiva. Daquel campo de fútbol tan só queda o recordo
na memoria de boa parte dos veciños e veciñas de Cambados.
Dous anos despois, no 1934, Dolorès del Valle promoveu a construción
dun dos edificios máis importantes para a mocidade naquel entón e na
actualidade: o auditorio de Cambados, que nun primeiro momento foi sede da Juventud Católica. Grazas á súa intercesión ante María Izquierdo
Zárate, Marquesa de Figueroa, conseguiu que ésta finalmente doase
os terreos para que se puidese construír o edificio, financiado en boa
parte pola propia Dolorès.
Coñecedora da dificultade do acceso das mulleres á educación ou ao
ocio naqueles tempos, na mesma data mercou o edificio situado
fronte ao parque Torrado para abrir nel a Juventud Femenina de
Acción Católica, e que trala Guerra Civil sería convertida en escola,
onde a propia Dolorès e a súa sobriña Lucía Vidal daban clase a xente
maior para ensinarlles a ler, matemáticas e incluso gramática.
Poucos anos despois, xa no 1947, Dolorès del Valle, xunto coa súa
familia, tomou a decisión de levar a cabo a súa última gran doazón:
entregar á congregación salesiana o pazo e finca de Serantellos, para
converter así en realidade o soño de seu pai de facer del unha
institución educativa, sendo nun primeiro momento seminario, e dez
anos despois o colexio salesiano que hoxe coñecemos.
Os seus últimos anos de vida seguiu habitando o pazo de Serantellos
durante as súas estancias en Cambados. Na súa habitación do pazo é
onde falecerá o 11 de outubro de 1967, aos 82 anos de idade, e foi
enterrada no panteón familiar de estilo neogótico que se atopa aos
pés das ruínas de Santa Mariña, a carón de seu pai
Leon-Manuel-Anatole del Valle, da súa nai Lucie-Margarite-Amèlie
Béchade, e da súa irmá María del Valle Béchade.

Dende entón o seu recordo foi caendo no esquecemento para o pobo
de Cambados, coñecendo dela pouco máis que as doazóns que
efectuara á igrexa e que logo boa parte delas se converteron en
públicas para o desfrute da veciñanza. Facendo memoria entre os e
as cambadesas, coinciden nos bos momentos de ocio pasados ao
longo da súa vida nestes lugares. E case sempre, repetindo que
Cambados mantiña unha débeda pendente coa “Francesa”.
O feito de convertela en filla adoptiva ben a poñer fin a esta inxustiza,
a recoñecer a boa labor e a xenerosidade de Dolorès del Valle
Béchade coa vila de Cambados e cos seus veciños e veciñas,
especialmente entre a mocidade que puido desfrutar e segue a facelo
dos espazos doados por ela, e a axudar a facer pública e a difundir a
súa historia para que non volva a quedar no esquecemento.
A Corporación Municipal do Concello de Cambados agradece a Bea Laya a súa labor de investigación sobre a vida de Dona María Dolorès del Valle Béchade e á Asociación Cen Follas, da que forma parte, pola divulgación e publicación da reportaxe "Dolorès del Valle Béchade. A Historia da Francesa" polo enriquecemento que supón para toda a veciñanza cambadesa o coñecemento e o recordo desta gran muller de carácter altruista, bondadosa, prolífica nas artes, moderna, valente e sobre todo da súa condición de gran benfeitora da nosa vila.
Agradecemos infinitamente á súa familia a súa xenerosidade con Cambados ao compartir momentos íntimos da súa tía, as súas vivencias persoais e mesmo fotografías da súa vida, para poder coñecer máis profundamente a súa figura.
Agradecemos públicamente tamén, a bondade de toda a familia del Valle Béchade co pobo cambadés e adquirimos o compromiso de saldar a débeda, da que durante tantos anos escoitamos falar, con Dolores del Valle "A francesa".
Por todo o exposto, en virtude das competencias atribuídas ao Pleno polo artigo 9 do Regulamento da Medalla da Vila e Honores e Distincións do Concello, e polo que se propón a adopción do seguinte, ACORDO:
1.Nomear a Dª María Dolores del Valle Béchade como "Filla Adoptiva” do Concello de Cambados a título póstumo.

2.Que a “Praza de A Xuventude” pase a denominarse "Praza A Xuventude de Dolorés del Valle" descubríndose unha praca co seu nome e acondicionándose para o lecer da mocidade cambadesa, tal e como era o desexo de Dona María Dolorés del Valle.

 

22 de junio de 2020

O CONCELLO DE CAMBADOS CONCEDE 7 AXUDAS DE REHABILITACION POR IMPORTE DE 40.000 €

Cambados continúa un ano máis cos seus plans de rehabilitación de bens inmobles do casco histórico ao amparo das subvencións que tramita a área de Rehabilitación (ARI). A ultima Xunta de Goberno Local ven de aprobar as axudas para 7 proxectos por un montante total de 40.046,69 € de obras realizadas entre finais de 2018 e o 2019 que afectan, sobre todo, á reforma de cubertas, carpintería exterior e fachadas e ás estruturas interiores con tecnoloxía construtiva tradicional galega.
Dende o Concello de Cambados queremos mostrar a nosa satisfacción por ver estas casas restauradas e valoramos positivamente os resultados destas reformas, destacando que foron uns fondos ben aproveitados por parte da veciñanza para contribuír a mellora e rexeneración do casco histórico da vila.
Dende o Goberno municipal queremos destacar que estas obras supuxeron un movemento económico importante para o municipio e queremos facer fincapé na oportunidade que ofrece esta liña de axudas para afrontar a renovación completa do casco histórico e para converter Cambados nunha vila aínda máis atractiva para veciñanza e turistas. Así nas vindeiras semanas publicaranse as bases de novas axudas para a rehabilitación de vivendas e edificios para este ano por un importe total de 200.000 euros.
Estas axudas teñen un pequeno retraso na tramitación neste exercicio motivado pola paralización dos prazos administrativos froito do estado de alarma pola pandemia do COVID-19, pero dende o departamento de Urbanismo xa están redactadas as bases para que os propietarios de vivendas situadas no casco histórico de Cambados, que queiran acollerse ás axudas establecidas para proxectos de rehabilitación de inmobles poidan solicitalas neste exercicio nas vindeiras semanas. As axudas para rehabilitación poden chegar a supoñer un 75 % dos custes da obra e cun máximo de 15.000 euros por investimento.

Exemplo de Rehabilitación e Axudas para compra de vivenda de mozos

Unha das obras de rehabilitación protexida e que foron subvencionadas na ultima Xunta de Goberno Local, en concreto unha actuación no barrio de Fefiñans, nun mirador dunha vivenda sita na Rúa San Gregorio, foi calcificada como exemplar polos traballos de restauración que se fixeron na mesma pola Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego, xa que non se percibe a diferenza coa obra orixinal, unha asociación sen ánimo de lucro, para a defensa, difusión e promoción do patrimonio cultural galego e dos galegos no exterior.
O Concello de Cambados informa de que continua aberto o prazo de rexistro de solicitudes para optar ás axudas do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) para a adquisición de inmoble en cascos históricos por parte de mozos menores de 35 anos. A área de Rehabilitación Integral de Cambados é un dos nove cascos antigos da provincia que optan a esta partida de subvencións destinadas especificamente á mocidade. A data límite para formalizar as demandas finaliza o día 31 de outubro de 2020.

30 de marzo de 2020

A COMARCA DO SALNÉS HOXE NA TVG


Na súa investigación, Alicia Burton, Diana Nogueira e o Sabichón atoparán unha enorme riqueza patrimonial, vestixios arqueolóxicos e unha natureza atlántica única (22.30 h)
Alicia Burton, Diana Nogueira e o Sabichón están listos este luns, nunha nova edición do programa ‘Segredos - Desmontando Galicia’, para atopar respostas ás incógnitas que presenta a comarca do Salnés.  

O Salnés vive mirando cara á ría de Arousa, a máis extensa das rías galegas, que agocha unha morea de segredos por descubrir. Unha enorme riqueza patrimonial, vestixios arqueolóxicos e unha natureza atlántica única son os sinais de identidade dunha comarca eminentemente turística.

Grazas ás integracións 3D e ás tecnoloxías visuais máis actuais, o espazo da TVG desmontará e montará as fortalezas construídas para conter as invasións normandas cara a Santiago de Compostela. Ademais, os espectadores descubrirán os segredos que agochan as illas de Sálvora, Cortegada e Areoso, con historias de homes e mulleres cheos de coraxe.


Hoxe vai quedar o Salnés sen unha pedra que levantar, todo para que ti goces coas súas interioridades e anécdotas. Esta noite, non perdas a xente de Segredos - Desmontando Galicia facendo o que mellor saben Desmontando Salnés 


19 de julio de 2019

CHEGA A CAMBADOS A EXPOSICIÓN INTERACTIVA “DINOSAURS LIVE – THE EXHIBITION”



•   A mostra, na que se expoñen réplicas animatrónicas con movemento real, poderá visitarse o sábado e o domingo, entre as 12.00h e 14.00h e de 18.00h a 20.00h, no Salón de Exposicións José Peña
•   As entradas xa están á venda en ataquilla.com e tamén poderán comprarse alí os días do evento
O mundo dos dinosauros chega a Cambados esta fin de semana da man de “Dinosaurs live – The exhibition”, unha exposición interactiva con réplicas animatrónicas das criaturas que habitaron a terra hai máis de 200 millóns de anos.
A mostra, que incluirá actividades para toda a familia, poderá verse esta fin de semana no Salón de Exposicións José Peña, entre as 12.00h e 14.00h e de 18.00h a 20.00h.
As entradas están xa á venda en ataquilla.com e tamén se poderán mercar no propio Salón de Peña os propios días do evento. O prezo é de 8€ para adultos e 6€ para nenos.
Escavar un fósil ou subir nun T-REX
‘Dinosaurs Live – The Exhibition-‘, que tivo a súa estrea a pasada semana en Salceda de Caselas, é unha exposición completamente novidosa que chega por vez primeira a Galicia.
Os asistentes poderán gozar desta incrible mostra guiados por un “aloucado” explorador que lles descubrirá os segredos e datos curiosos destas xigantes criaturas.
Ademais, para que os máis pequenos se convertan en súper exploradores, á entrada faráselle entrega dun cuestionario con preguntas e probas que terán que ir realizando durante o percorrido. Algunhas delas son: facerse unha foto dentro dun ovo de dinosauro, subir a costas dun T-Rex, ou demostrar os seus coñecementos sobre paleontoloxía escavando e descubrindo os fósiles que se agochan baixo a area da exposición.


4 de abril de 2019

XA PODES VER AS ENTREVISTAS DA MEMORIA FALADA DE CAMBADOS


A concellaría de Cultura do Concello e Cambados, a Deputación de Pontevedra e os dous Institutos de educación secundaria activan esta semana o Arquivo da Memoria Falada de Cambados. Neste arquivo dixital recóllense gravacións realizadas polo alumnado a trinta persoas, nun traballo que procura facer visible entre a mocidade os valores das persoas coas que media unha distancia física e temporal de cando menos cincuenta anos. Un traballo que achega valores de vida, mais tamén información histórica, lingüística, social, económica e cultural da vila cambadesa e das persoas que a habitan.
O acto de activación tivo lugar hoxe en Exposalnés, e nel participaron representantes do profesorado, como Maribel Iglesias, e alumnado dos Institutos, persoas que foron gravadas e os responsables de cultura do Concelllo e da Deputación, Víctor Caamaño e Xosé Leal.
Trátase da segunda fase do proxecto A memoria das palabras que o ano pasado recollía na web www.amemoriadaspalabras.gal trinta traballos literarios con semblanzas de vida e obra redactadas polo alumnado; nesta ocasión insírense a memoria falada na voz e imaxe dos seus protagonistas, seguindo a metodoloxía de entrevistas preparadas polo alumnado e gravadas por un equipo profesional de audio e video.
As trinta persoas gravadas cunha media dunha hora por cada entrevista (os chamados brutos), son a resultante dunha variada procedencia territorial: Cambados vilego, mariñeiro e labrego, o que achega unha enome riqueza lingüística; unha ampla diversidade social, con catedráticos de universidade e profesorado, avogados, mariñeiros, comerciantes, músicos, labregas, empresarias, cregos, mariscadoras… o que amosa unha ampla representatividade económica, social e cultural; e unhas diferenzas de idade que van dos 67 aos 89 anos, o que tamén achega a visión e coñecemento de diferentes épocas nos relatos memorísticos e narracións dos tempos rememorados.
As gravacións seleccionadas realizáronse ás seguintes persoas, dezasete mulleres e trece homes:
  1. JOSÉ BENITO OUBIÑA PIÑEIRO
A intensidade no falar, a experiencia da vida, a prematura madurez desta persoa, un informante que nos de razóns para vivir…
  1. XOÁN ANTONIO PILLADO SILVOSO
Profesor, político, investigador, historiador local, a memoria lúcida dos últimos sesenta anos da vida de Cambados…
  1. GARDENIA PADÍN BUGALLO
A derradeira xeración que tivo que poñerse a termar da vida antes de tempo; modista, traballadora da saúde, tendeira, política…
  1. ELENA OTERO TEJEDO
Dende a súa casa singular, histórica, emocionante… veu pasar a varias xeracións das xentes de Fefiñáns…
  1. JOSEFA NÚÑEZ BUGALLO
Mestra de costureiras, emprendedora, lúcida, empresaria de hostalería; dende o corazón de Cambados…
  1. JOSÉ RAMÓN HÉCTOR CORES GONZÁLEZ
Dende as parroquias do interior, no fío da memoria que nos envolve, trae ao presente un pasado que nos atinxe…
  1. JOSÉ CARLOS ANDRADE CAMIÑA
É a súa unha memoria de tránsito do tempo de carencias ao desenvolvemento económico e social…
  1. BERNARDO NÚÑEZ CORES
O traballo no agro, a parroquia como entidade física e social, a vida dos que nos precederon…
  1. JOSEFA GARCÍA PADÍN
A lingua de expresión que nos indentifica como seres dun lugar e dun tempo, a tranquilidade na experiencia…
  1. MARÍA ROSA ARAGUNDE MÁRQUEZ
As palabras que son expresión de sentimentos, e manifestan emocións, experiencias da vida que vai pasando
  1. JOSÉ RAMÓN CRESPO IGLESIAS
O fío memorístico dun neno que sabía axudar ao pai zoqueiro; dúas parroquias administradas, bonhomía…
  1. ÁUREA ENRÍQUEZ FORTES
Conciencia social, vidas de resistencia, traslados laborais, luces e sombras do balance de vivir mirando á frente…
  1. CARMEN VÁZQUEZ MUÑÍZ
A vida entre o mar e a terra; entre o barro e o torrón; a experiencia do traballo na infancia…
  1. FRANCISCA GONZÁLEZ OTERO
Facer da carencia, da necesidade, dos recursos que non se teñen, unha oportunidade para andar os camiños…
  1. DOLORES REY BLANCO
Ás veces acontece que o esforzo ocasiona beneficio; ás veces a dedicación xera fartura emocional…
  1. FRANCISCO FERNÁNDEZ REI
Triana de mariñeiros e peixeiras; memoria privilexiada; Cabanillas e o idioma propio que tanta ocupación ten xerado…
  1. FRANCISCO TRIGO DURÁN
Fillo do mar; arquitecto e avogado, analista e político; retrospectiva dun Cambados que foi construíndose…
  1. JUAN FERNANDO DE LAIGLESIA
A mirada sobre nós de quen veu de lonxe para facerse un dos nosos; ollares dun experto en arte e patrimonio…
  1. ADELA LEIRO LOIS
A renovación escolar, a política local, os traballos de investigación do mar e a natureza; a divulgación do coñecemento…
  1. VICTORIA OUBIÑA VIEITEZ
Mulleres que mudaron o mundo, mariscadoras conscientes de que eran elas soas contra un tempo de homes…
  1. JOSÉ CASAIS GALIÑANES
Homes de ferro, de carácter forxado navegando en barcos de madeira, compromiso coa súa xente…
  1. ROSA FONTÁN BESADA
O río da vida no seu discreto pasar sen que case se note; os traballos para tirar dunha familia, dunha casa…
  1. CARMEN CHAVES NÚÑEZ
Facer visibles as vidas das mulleres valentes que tendo a vida en contra souberon tirar proveito do esforzo…
  1. JOSEFA MARTÍNEZ RODIÑO
Ou como foron os tempos que xa levou o vento, o salitre, o traballo; mulleres sinxelas que valen mundos…
  1. JOSEFA VARELA CACABELOS
Símbolo da súa xeración, exemplo dos traballos e paixóns das da súa clase, extraordinarios exemplos do que foi vivir…
  1. VALVANERA COSTA CHAVES
San Tomé do mar de Cambados, San Sadurniño outeando o pasar da vida sacrificada da xente de ben…
  1. JOSÉ ANTONIO MIRAS MARTÍNEZ
Ese outro Cambados de forno de pan e música; emprendedor e afable, aquel que soubo encontrar o seu espazo…
  1. MANUEL NÚÑEZ PÉREZ
Educar, guiar, conducir… a docencia dende experiencia de quen víu as todas as transformacións…
  1. JOSÉ ALDAO REY
Actuar no pasar dos anos dende o labor social; ver como se malograban moitos dos mellores nacidos entre nós…
  1. INÉS GESTOSO SANTORUM
Cando o traballo e a precariedade se transforman, con esforzo, nunha familia da que gozar…

As entrevistas poderán verse dende  xoves, catro de abril na web www.amemoriadaspalabras.gal