Xornalismo é, escribir, publicar e transmitir o que non queren que se publique, escríbase e transmítase, o outro son "plumillas e relacións públicas da censura e a corrupción con premeditación e engano aos seus lectores".
CORES DO SALNÉS É UN BLO
G. Sobre todo crítico.

4 de abril de 2019

XA PODES VER AS ENTREVISTAS DA MEMORIA FALADA DE CAMBADOS


A concellaría de Cultura do Concello e Cambados, a Deputación de Pontevedra e os dous Institutos de educación secundaria activan esta semana o Arquivo da Memoria Falada de Cambados. Neste arquivo dixital recóllense gravacións realizadas polo alumnado a trinta persoas, nun traballo que procura facer visible entre a mocidade os valores das persoas coas que media unha distancia física e temporal de cando menos cincuenta anos. Un traballo que achega valores de vida, mais tamén información histórica, lingüística, social, económica e cultural da vila cambadesa e das persoas que a habitan.
O acto de activación tivo lugar hoxe en Exposalnés, e nel participaron representantes do profesorado, como Maribel Iglesias, e alumnado dos Institutos, persoas que foron gravadas e os responsables de cultura do Concelllo e da Deputación, Víctor Caamaño e Xosé Leal.
Trátase da segunda fase do proxecto A memoria das palabras que o ano pasado recollía na web www.amemoriadaspalabras.gal trinta traballos literarios con semblanzas de vida e obra redactadas polo alumnado; nesta ocasión insírense a memoria falada na voz e imaxe dos seus protagonistas, seguindo a metodoloxía de entrevistas preparadas polo alumnado e gravadas por un equipo profesional de audio e video.
As trinta persoas gravadas cunha media dunha hora por cada entrevista (os chamados brutos), son a resultante dunha variada procedencia territorial: Cambados vilego, mariñeiro e labrego, o que achega unha enome riqueza lingüística; unha ampla diversidade social, con catedráticos de universidade e profesorado, avogados, mariñeiros, comerciantes, músicos, labregas, empresarias, cregos, mariscadoras… o que amosa unha ampla representatividade económica, social e cultural; e unhas diferenzas de idade que van dos 67 aos 89 anos, o que tamén achega a visión e coñecemento de diferentes épocas nos relatos memorísticos e narracións dos tempos rememorados.
As gravacións seleccionadas realizáronse ás seguintes persoas, dezasete mulleres e trece homes:
  1. JOSÉ BENITO OUBIÑA PIÑEIRO
A intensidade no falar, a experiencia da vida, a prematura madurez desta persoa, un informante que nos de razóns para vivir…
  1. XOÁN ANTONIO PILLADO SILVOSO
Profesor, político, investigador, historiador local, a memoria lúcida dos últimos sesenta anos da vida de Cambados…
  1. GARDENIA PADÍN BUGALLO
A derradeira xeración que tivo que poñerse a termar da vida antes de tempo; modista, traballadora da saúde, tendeira, política…
  1. ELENA OTERO TEJEDO
Dende a súa casa singular, histórica, emocionante… veu pasar a varias xeracións das xentes de Fefiñáns…
  1. JOSEFA NÚÑEZ BUGALLO
Mestra de costureiras, emprendedora, lúcida, empresaria de hostalería; dende o corazón de Cambados…
  1. JOSÉ RAMÓN HÉCTOR CORES GONZÁLEZ
Dende as parroquias do interior, no fío da memoria que nos envolve, trae ao presente un pasado que nos atinxe…
  1. JOSÉ CARLOS ANDRADE CAMIÑA
É a súa unha memoria de tránsito do tempo de carencias ao desenvolvemento económico e social…
  1. BERNARDO NÚÑEZ CORES
O traballo no agro, a parroquia como entidade física e social, a vida dos que nos precederon…
  1. JOSEFA GARCÍA PADÍN
A lingua de expresión que nos indentifica como seres dun lugar e dun tempo, a tranquilidade na experiencia…
  1. MARÍA ROSA ARAGUNDE MÁRQUEZ
As palabras que son expresión de sentimentos, e manifestan emocións, experiencias da vida que vai pasando
  1. JOSÉ RAMÓN CRESPO IGLESIAS
O fío memorístico dun neno que sabía axudar ao pai zoqueiro; dúas parroquias administradas, bonhomía…
  1. ÁUREA ENRÍQUEZ FORTES
Conciencia social, vidas de resistencia, traslados laborais, luces e sombras do balance de vivir mirando á frente…
  1. CARMEN VÁZQUEZ MUÑÍZ
A vida entre o mar e a terra; entre o barro e o torrón; a experiencia do traballo na infancia…
  1. FRANCISCA GONZÁLEZ OTERO
Facer da carencia, da necesidade, dos recursos que non se teñen, unha oportunidade para andar os camiños…
  1. DOLORES REY BLANCO
Ás veces acontece que o esforzo ocasiona beneficio; ás veces a dedicación xera fartura emocional…
  1. FRANCISCO FERNÁNDEZ REI
Triana de mariñeiros e peixeiras; memoria privilexiada; Cabanillas e o idioma propio que tanta ocupación ten xerado…
  1. FRANCISCO TRIGO DURÁN
Fillo do mar; arquitecto e avogado, analista e político; retrospectiva dun Cambados que foi construíndose…
  1. JUAN FERNANDO DE LAIGLESIA
A mirada sobre nós de quen veu de lonxe para facerse un dos nosos; ollares dun experto en arte e patrimonio…
  1. ADELA LEIRO LOIS
A renovación escolar, a política local, os traballos de investigación do mar e a natureza; a divulgación do coñecemento…
  1. VICTORIA OUBIÑA VIEITEZ
Mulleres que mudaron o mundo, mariscadoras conscientes de que eran elas soas contra un tempo de homes…
  1. JOSÉ CASAIS GALIÑANES
Homes de ferro, de carácter forxado navegando en barcos de madeira, compromiso coa súa xente…
  1. ROSA FONTÁN BESADA
O río da vida no seu discreto pasar sen que case se note; os traballos para tirar dunha familia, dunha casa…
  1. CARMEN CHAVES NÚÑEZ
Facer visibles as vidas das mulleres valentes que tendo a vida en contra souberon tirar proveito do esforzo…
  1. JOSEFA MARTÍNEZ RODIÑO
Ou como foron os tempos que xa levou o vento, o salitre, o traballo; mulleres sinxelas que valen mundos…
  1. JOSEFA VARELA CACABELOS
Símbolo da súa xeración, exemplo dos traballos e paixóns das da súa clase, extraordinarios exemplos do que foi vivir…
  1. VALVANERA COSTA CHAVES
San Tomé do mar de Cambados, San Sadurniño outeando o pasar da vida sacrificada da xente de ben…
  1. JOSÉ ANTONIO MIRAS MARTÍNEZ
Ese outro Cambados de forno de pan e música; emprendedor e afable, aquel que soubo encontrar o seu espazo…
  1. MANUEL NÚÑEZ PÉREZ
Educar, guiar, conducir… a docencia dende experiencia de quen víu as todas as transformacións…
  1. JOSÉ ALDAO REY
Actuar no pasar dos anos dende o labor social; ver como se malograban moitos dos mellores nacidos entre nós…
  1. INÉS GESTOSO SANTORUM
Cando o traballo e a precariedade se transforman, con esforzo, nunha familia da que gozar…

As entrevistas poderán verse dende  xoves, catro de abril na web www.amemoriadaspalabras.gal 


No hay comentarios:

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.