A saída de vía dun camión, que quedou envorcado na calzada, obrigou a cortar un carril da Autovía do Salnés ao seu paso pola localidade de Ribadumia.
Foi un particular quen, pasadas as catro e media da tarde, chamou ao 112 Galicia para alertar de que un camión de recollida do lixo acababa de envorcar no punto quilométrico 9 da estrada AG-41, nos carrís de sentido a Pontevedra. Ademais, a persoa afirmaba que o condutor do vehículo estaba fóra do mesmo.
Deste xeito, unha vez os xestores do CIAE-112 recolleron todos os datos, déronlle o aviso aos servizos sanitarios, aos axentes da Garda Civil de Tráfico e aos Bombeiros e membros de Protección Civil de Ribadumia. Tamén se desprazou Protección Civil de Cambados.
Unha vez no lugar, os medios de intervención desprazados comunicáronlle ao 112 que o condutor foi atendido polo persoal sanitario na zona e que un carril da estrada tivo que ser cortado, debido á caída de parte da carga do camión á mesma, para levar a cabo as tarefas de limpeza no punto.
Coa finalidade de asegurar e restablecer as condicións da calzada, desde o 112 Galicia tamén se informou do sinistro ao persoal de mantemento da vía e ao Centro de Xestión de Tráfico.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.