Estas catro iniciativas laborais, que se desenvolverán durante nove meses ata o outono de 2021, formarán a 80 persoas desempregadas con fases de prácticas
A Consellería de Emprego e Igualdade vén de conceder, tras a correspondente aprobación por parte do Consello da Xunta, catro obradoiros duais de emprego á comarca do Salnés que se desenvolverán nos concellos de Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa e Cambados e na Mancomunidade desta bisbarra cun orzamento global de 1.387.784€.
Así, o executivo galego acordou o financiamento dos proxectos Forme 2020, de Vilagarcía de Arousa, Vista Real VI, de Vilanova de Arousa; Ruta Xacobea Camiño de Santiago, de Cambados; e Hostalería do Salnés XIII, promovida pola Mancomunidade.
Todos eles contan cun orzamento que ascende a 346.946€ cada un e terán lugar durante os vindeiros nove meses, ata o outono de 2021, cunha participación de 20 persoas desempregadas en cada un deles. Os alumnos-traballadores seguirán recibindo a súa formación a través da modalidade dual implantada hai dous anos en toda Galicia e que oferta aos alumnos e alumnas a posibilidade de optar a un contrato de tres meses máis nunha empresa da contorna.
Cómpre sinalar que a bisbarra do Salnés foi a que obtivo unha maior cifra de obradoiros aprobados nesta convocatoria de toda a provincia de Pontevedra, que contará cun total de 14 iniciativas destas características cun investimento de 4,77 millóns de € para a formación de 275 persoas desempregadas.
O obxectivo dos obradoiros duais de emprego pasa por mellorar a empregabilidade e as opcións de inserción laboral dos participantes ao tempo que serven para a mellora de certas infraestruturas ou servizos públicos, xa que ditas actuacións adoitan incluirse nas fases de prácticas polas entidades promotoras, o que redunda no interese xeral da cidadanía.

No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.