Xornalismo é, escribir, publicar e transmitir o que non queren que se publique, escríbase e transmítase, o outro son "plumillas e relacións públicas da censura e a corrupción con premeditación e engano aos seus lectores".
CORES DO SALNÉS É UN BLO
G. Sobre todo crítico.

3 de agosto de 2020

CAMBADOS CELEBRA A SEMANA DO LIBRO

As áreas de Cultura e de Normalización Lingüística do Concello de Cambados organizan a Semana do Libro, que se celebrará do 3 ao 8 de agosto nos xardíns do pazo de Torrado. A actividade consiste na presentación polos seus propios autores de libros escritos en galego, publicados recentemente. Todos os escritores teñen relación con Cambados ou coa comarca do Salnés.
Presentación de libros publicados este ano no xardín do Pazo de Torrado serán todas as 21h. 

A Semana do Libro arranca hoxe luns 3

"Irmá Paxaro" de Tamara Andrés.

Irmá paxaro é o relato da perda da complicidade entre dúas irmás descoñecedoras de que o golpe máis duro é o paso do tempo. A autora, Tamara Andrés, emprega a poesía, nun texto profundamente narrativo, para mostrarnos a dispar evolución de dúas irmás que mantiñan un elo na infancia que lles permitía ser elas mesmas até que quebrou co despregar das ás da irmá pequena; a irmá paxaro.

"Migratoria" de Andrea Fernández Maneiro.

Desprende, este primeiro libro da escritora vilagarciá Andrea Fernández Maneiro, un recendo que convida á reapropiación da memoria desde o primeiro poema. Un exercicio de evocación, pausado e maduro, marcado pola percepción das ausencias desde a etapa da infancia e que se converte, ao mesmo tempo, nunha radiografía  dun tempo que, de certo, resultará compartido e familiar en tantas vivencias e percepcións nas lecturas que se fagan del.

Martes 4,
Ramón Caride, con "Historias Incertas"

Non se limita a poñer espellos para que nos vexamos neles. Dá un paso máis e escanéanos. Porque escrita realista non é o mesmo que escrita costumista. Caride é un escritor realista, mais, precisamente por iso, é un escritor fantástico, no senso de Todorov. Un escritor que, sen deixar de ser realista, introduce as crenzas, os degoros, as fobias dos seus personaxes na trama. Que introduce as súas dúbidas, as súas preocupacións, as súas incertezas, o seu desexo, sabendo que teñen tanta consistencia real coma os edificios ou a paisaxe. Caride non acredita de máis na cronoloxía, esa miraxe. Porque ás veces na vida hai viaxes con retorno, e mesmo finais felices. Aínda que chova”.

Mércores 5,

Miguel Pérez Ramudo unha obra ilustrada sobre Ricardo Carvalho Calero.
O libro de Carvalho Calero que temos entre mans supón, pois, unha boa forma de achegarse ao que foron os fitos fundamentais da súa vida, dende que nacera na cidade de Ferrol o 30 de outubro de 1910 ata os últimos anos nos que continuou sementando entre o seu alumnado o amor pola cultura de noso. Son moitas as persoas que lembran o simbolismo de dúas das súas novelas máis destacadas: A xente da barreira, e a biográfica Scórpio. Precisamente, desta última, os autores desta biografía toman os personaxes de Scórpio e Cleo, que son os que neste caso funcionan como fío condutor.

Héitor Picallo "As Letras Galegas en Caricatura"
Tres anos de traballo de Héitor Picallo deitan nestas páxinas un resultado a todas luces magnífico e merecente de ser salientado.
As Letras Galegas en caricatura (1963-2020), unha publicación editada en cartoné e en gran formato -acompañada dun limiar a cargo de Fina Casalderrey e dun epílogo que subscribe Mercedes Queixas- ilumina con orixinalidade e pulso propio a celebración que o Día das Letras gozou desde o seu inicio até hoxe, ofrecendo un percorrido iconográfico que desde agora cómpre ter moi en conta.

Xoves 6

Antón Mascato presentará "Atila no Grove, Crónica política e Historia da Masacre"

ATILA NO GROVE é unha homenaxe ao vitimario do fascismo neste porto da Arousa, e unha denuncia das maneiras violentas que empregaron os perpetradores, que se completa cunha relación das vítimas e a referencia dos seus verdugos.

Venres 7

Miguel Anxo Seixas presenta "Castelao, Construtor da nación"

Asinada por Miguel Anxo Seixas, "Castelao. Construtor da nación Tomo I 1886-1930", é o primeiro tomo da monumental biografía de Castelao editada por Galaxia, o compendio de anos de investigación e recollida de datos e documentación sobre a vida e obra de Castelao, incluíndo material case descoñecido que estaba en mans privadas.

Sábado 8, pechará a Semana do Libro Adolfo Caamaño coa súa novela "Matar ao heroe", que acadou o Premio Vilar Ponte.
Ao rematar a Gran Guerra, Charles Bonne-Mort escríbelle a unha antiga amizade con quen compartiu a tortura das trincheiras. Son cartas cun ton confesional no que repasa os rostros máis escuros da propia existencia mentres loita consigo mesmo.

Todas as presentacións contarán cun aforo reducido, con só 25 cadeiras, coa distancia de seguridade sanitaria e haberá as medidas de seguridade e hixiene.

Poderanse adquirir alí mesmo, en Torrado, todas as obras asinadas polos autores ao remate da cada presentación, segundo indican desde a concellería de Cultura.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.