
Galicia estrea a nova normalidade cunha situación sanitaria estable con respecto ao coronavirus. Na Comunidade, quedan xa só 8 pacientes hospitalizados -os mesmos que a xornada previa- e as unidades de coidados intensivos seguen sen pacientes afectados pola Covid-19. É xa a sexta xornada coas UCI baleiras de coronavirus. En total hai 348 persoas que seguen sufrindo a infección, tres menos que o día anterior.
Segundo o balance que publica todos os días o Sergas, dos 348 pacientes activos, 108 son da área da Coruña, 20 da de Lugo, 26 da de Ourense, 8 da de Pontevedra, 140 da de Vigo, 34 da de Santiago e 12 da de Ferrol.
Ata a data faleceron 619 persoas na Comunidade por coronavirus, ningunha nas últimas xornadas e un total de 10.849 persoas están curadas. O número total de probas PCR para detectar o virus realizadas en Galicia asciente a 159.102.
Nas residencias de anciáns a situación continúa tamén estable. Quedan 14 persoas (7 usuarios e 7 profesionais) contaxiadas. Desde o inicio da pandemia faleceron en Galicia un total de 274 maiores usuarios destes centros, ben na propia residencia (132) ou en hospitais ou residencias integradas (142).
Sen cambios no que respecta ao balance diario de afectados de Covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, que rexistra 8 casos activos de coronavirus desde o pasado venres.
Por quinto dia consecutivo os datos oficiais non suman novos resultados positivos de coronavirus nos test. O último produciuse o pasado mércores 10 de xuño.
O dato negativo se cabe é que tampouco se producen altas epidemiolóxicas, co que o número de pacientes curados en 891 desde o inicio da pandemia, cifra estable é tamén a de falecementos, 16 desde hai varias semanas.
Todos os casos activos evolucionan nos seus respectivos domicilios, sen que sexa necesaria a súa atención nos centros hospitalarios da comarca.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.