A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou novos investimentos por case 3 millóns de euros, no marco do Plan Concellos 2020, beneficiando a 15 concellos da provincia: Arbo, Baiona, Cambados, A Estrada, A Lama, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Vilaboa, Barro, Cerdedo-Cotobade, Forcarei, A Guarda, Lalín, Mondariz-Balneario e Mos.
Cambados recibirá dúas subvencións, unha de 147.767 euros para acometer a mellora da pavimentación en camiños rurais do concello e outra de 112.559,46 euros con destino ao financiamento da reurbanización da rúa Nova.
Ademais do referido á liña 1 do Plan Concellos 2020 o Goberno tamén deu conta "da modificación de sete achegas da liña 3 para que os concellos poidan adaptar o persoal ás necesidades orixinadas trala crise sanitaria da COVID-19". En concreto Cerdedo-Cotobade, Mos, Forcarei, Mondariz-Balneario, Barro, Lalín e A Guarda solicitaron este cambio motivado polos necesarios reaxustes do orzamento e duración das contratacións por causa da situación derivada da pandemia. En total estas achegas suman 1.178.455,84€ e servirán para que os concellos contraten a 122 traballadoras/es.
Bases de "O teu primeiro emprego" para concellos
A Xunta de Goberno aprobou as bases de "O teu primeiro emprego" para concellos de menos de 50.000 habitantes. "Estamos a falar dun orzamento de preto de 2 millóns de euros e da creación de 160 postos de traballo a través dun contrato en prácticas", detallou a presidenta Carmela Silva. Os concellos de ata 10.000 habitantes poden contratar a dúas persoas e os de entre 10.001 e 50.000 poden contratar a 4. Os concellos completarán o custo laboral segundo categoría polo convenio colectivo aplicable e a cota da seguridade social.
Como novidade Silva destacou que "este ano, nas bases tanto da Deputación como dos Concellos, imos a establecer mecanismos para favorecer a inclusión das persoas que teñen diversidade funcional". No caso das prazas na Deputación de Pontevedra explicou que "cando as aprobemos reservaremos un número de postos" e no caso dos concellos "recomendámoslles que tomen decisións para favorecer a inclusión".
Son os concellos os encargados da selección das persoas, a través da presentación da oferta no Servizo Público de Emprego" e o prazo de presentación de solicitudes para concellos será de 10 días hábiles desde a publicación da convocatoria no BOPPO".

No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.