A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, informou este xoves dos asuntos que aprobará a Xunta de Goberno Provincial convocada para este venres, día no que tamén está convocado un pleno ordinario. Así, avanzou que se aprobarán investimentos por case dous millóns de euros para 18 concellos.
Así, como asuntos máis destacados Carmela Silva sinalou que nesa Xunta de Goberno van "aprobar investimentos por case dous millóns de euros para 18 concellos da provincia", dentro da Liña 1 do Plan Concellos.
As axudas están destinadas aos concellos de Gondomar, Caldas de Reis, O Grove, Nigrán, Redondela e Salvaterra do Miño, para diversas actuacións.
E dentro da Liña 2 do Plan Concellos, destinada á creación de emprego, está previsto destinar case 102.000 euros aos municipios de Barro, Cerdedo-Cotobade, A Estrada e Vilagarcía de Arousa. Tamén haberá recursos dentro da Liña 3, para a conservación e o funcionamento de bens e servizos, na que serán beneficiarios O Rosal e Cambados.
"Xa levamos concedidos 16,5 millóns de euros aos concellos", subliñou a presidenta na comparecencia deste xoves.
PLAN MÓVESE III
Outro dos asuntos que figuran na orde do día da Xunta de Goberno é a terceira edición do Plan Móvese, deseñado co "modelo de mobilidade integral, sostible e segura", de acougado de tráfico e priorización das persoas antes que os vehículos.
A súa planificación xa está finalizada e coa súa aprobación en Xunta de Goberno dáse inicio ao procedemento de contratación dos primeiros lotes de obras.
Móvese III, explicou, significará en ano e medio un investimento nas estradas provinciais de 2,5 millóns de euros, un millón de euros no que resta deste ano e 1,5 millóns en 2021. En total executaranse 478 obras que beneficiarán a 54 concellos da provincia na seguridade viaria, na prevención de accidentes e facilitando novos hábitos saudables das persoas que utilizan as estradas provinciais para camiñar ou facer deporte.
"Entre as tres edicións suman 7 millóns de euros e 1.500 actuacións desde 2016", valorou a presidenta da Deputación, "con estes recursos hai actividade económica e créase emprego", engadiu.
CONSERVACIÓN DE FIRMES
Finalmente, será este venres cando se adxudique a conservación de firmes nas estradas provinciais da denominada Zona A que inclúe os concellos de Pontevedra, Vilaboa, Cerdedo-Cotobade, Barro, Poio, Bueu, Marín, Cangas, Moaña, Caldas, Portas, Moraña e Campo Lameiro.
E tamén se aprobará un novo proxecto de conservación de firmes para a Zona C, que inclúe as comarcas do Deza e Tabeirós-Terra de Montes. Está pendente de que se resolva o contrato en vigor que tiña a empresa Nexia, actualmente en proceso concursal, así que mentres non se adxudique, seguen "actuando nesa zona con medios propios", indicou Silva.

No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.