- O INE publicou hoxe as cifras provisionais do padrón a 1 de xaneiro de 2020
- O padrón galego aumentou en 770 persoas respecto ao 1 de xaneiro de 2019 e volve superar a barreira dos 2,7 millóns de habitantes
- A poboación estranxeira aumentou un 11,1%, o que indica que cada vez máis persoas deciden vir a vivir a Galicia desde outros países
A poboación de Galicia medrou no ano 2019 ata os 2.700.269 habitantes, o que supón o primeiro incremento de poboación que se rexistra na comunidade autónoma nos últimos dez anos, segundo os datos provisionais do Padrón Continuo publicados hoxe polo Instituto Nacional de Estadística (INE).
En concreto, segundo as cifras do INE a poboación de Galicia a 1 de xaneiro de 2020 situouse en 2.700.269 habitantes, o que representa un aumento de 770 persoas respecto á mesma data de 2019. Este é o primeiro incremento anual de poboación que rexistra Galicia desde o 1 de xaneiro de 2010. Ademais, con este crecemento, Galicia volve superar a barreira dos 2,7 millóns de habitantes.
Os datos do instituto estatístico mostran tamén un crecemento da poboación estranxeira inscrita no padrón galego, que aumentou en 11.154 persoas, ata situarse nos 112.022 habitantes. As principais nacionalidades inscritas no padrón son Portugal (14.739), Venezuela (12.622), Brasil (9.367), Colombia (8.242) e Romanía, con 8.057 habitantes. Este incremento indica que cada vez máis persoas deciden vir a vivir a Galicia desde outros países, ben porque retornan a Galicia ou ben porque deciden instalarse por primeira vez na comunidade autónoma.
Unha vez publicados hoxe estes datos provisionais por parte do INE, o Instituto Galego de Estatística (IGE) vainos incorporar á súa base de datos para realizar a correspondente explotación estatística dos mesmos e proceder posteriormente á súa difusión.
A Xunta como vedes "saca peito" duns datos moi negativos. Si aumentou o número de extranxeiros en 11.154 e o padrón xeral so en 770 estamos ata un decrecemento de case de 10.400 persoas.
Quere decir que nun ano, do 2018 ao 2019 Galicia perdeu máis de 10.000 galegos. Ou por defunción, non compensada polos nacementos ou por a marcha dese número de galegos a outros puntos do estado ou ao estranxeiro. O que dá conta de que as políticas de Feijóo non están dando froitos, todo ao contario están empuxando aos galegos, na súa maioría xóvenes a buscar fora de Galicia o que non atopan na nosa terra.

No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.