A partir de mañá e ata o 31 de xullo as mozas e mozas de Galicia poderán solicitar as axudas para o pago do permiso de conducir tipo B ou tipo C, isto é, de turismo ou camión, respectivamente. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe esta liña de axudas que forman parte do Plan Estratéxico de Xuventude da Xunta de Galicia.
A Xunta de Galicia, coa finalidade de mellorar a autonomía, mobilidade e empregabilidade da xente moza, pon en marcha esta orde que conta cun orzamento total de máis de 761.000 euros. Así, para a obtención do permiso de condución de clase B, de turismo, o importe da axuda será de 400 euros, e de 650 euros para o de clase C, o de camión.
Estímase que esta medida beneficiará a máis de 1500 mozas e mozos. Ás persoas beneficiarias faráselles un anticipo do 80% da axuda, se así o solicitan, unha vez que teñan notificada a concesión da achega económica. Cómpre sinalar que o prazo de solicitude podería rematar con anterioridade no caso de que se esgote o crédito orzamentario dispoñible.
As persoas interesadas en solicitar esta axuda deberán ter máis de 18 anos, estar empadroadas na Comunidade Autónoma desde hai un ano e inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil e figurar como beneficiarias no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. Tamén teñen que estar matriculadas nunha autoescola de Galicia no momento de presentar a solicitude ou ben ter obtido o permiso entre o 1 de xaneiro e a data da presentación.
As solicitudes poden presentar por vía electrónica a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, ou de maneira presencial en calquera rexistro oficial da administración.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.