Qué é Iniciativa Xove?
É un programa da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado que consiste nunha liña de axudas pensada para que vós, os mozos e mozas, poidades desenvolver ideas que, transformadas en proxectos e iniciativas de interese, poidan reverter na mocidade actual e na nosa sociedade.
Poderedes participar de dous xeitos: a través de grupos informais de mozos/as ou ben dende as asociacións xuvenís e entidades legalmente constituídas.
As actividades serán planificadas e desenvolvidas por vós mesmos/as, fomentando sempre a participación, a axeitada utilización do lecer, a calidade de vida e o benestar, a través dos proxectos integrais e específicos de actuación que propoñades.
Quen pode solicitar estas axudas?
Os grupos informais de mozos e mozas que queirades desenvolver un proxecto de iniciativa xuvenil e que reunades os requisitos indicados na orde da convocatoria. O grupo terá que estar formado por un mínimo de 5 e un máximo de 8 mozas ou mozos con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos no momento de presentar a solicitude e ademais deberedes de estar empadroados nalgún dos municipios pertencentes á Comunidade Autónoma de Galicia.
As asociacións xuvenís e as entidades que lle presten servizos á mocidade que carezan de interese de lucro, e as súas respectivas federacións, sempre que, no caso destas últimas, o proxecto que presenten non sexa o mesmo que o de cada unha das asociacións/entidades que as conforman. Será necesario que esteades inscritas no censo oficial da dirección xeral.
Como se poden solicitar?
Cubrir e entregar a a solicitude e e engadir a documentación necesaria que se indica na orde (artigo 9).
A presentación electrónica será obrigatoria para as asociacións e entidades prestadoras de servizos á xuventude. Os grupos informais presentarana preferiblemente por vía electrónica e, opcionalmente, de forma presencial nos lugares e rexistros establecidos pola normativa reguladora do procedemento administrativo común.
As notificacións ás asociacións e entidades prestadoras de servizos á xuventude practicaranse, en todo caso, por medios electrónicos. Os grupos informais escollerán o medio de notificación preferente (electrónica ou postal) no anexo de solicitude.
A non presentación do proxecto en prazo constituirá un defecto non subsanable e comportará a inadmisión a trámite da solicitude.
Onde podo informarme?
Na Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, no teléfono 981 544 866 ou no enderezo electrónico institutoxuventude.ctb@xunta.gal
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.