O Goberno de Carmela Silva financia con preto de 255.000 euros a mellora da rede de saneamento, iluminación e espazos públicos en Cambados
Trátase de investimentos do Plan Concellos co que a Deputación pon á disposición este ano de Cambados case un millón de euros, un 2,84 % máis que no 2018
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, informou da aprobación pola Xunta de Goberno de tres investimentos para Cambados con cargo á liña 1 do Plan Concellos 2019 por un valor total de 253.723,95 euros. En concreto, son 79.628,1 euros para a urbanización e rotonda no vial de Tragove (Corvillón), 79.950 euros para a mellora da rede de saneamento en río de Ucha, e outros 94.145,85 euros para financiar a renovación da iluminación viaria en varias zonas do concello. Este ano a institución provincial pon á disposición de Cambados ao través do plan un total de 978.374,84 euros, un 2,84 % máis que no 2018.
Máis polo miúdo, a urbanización e rotonda na viaria de Tragove ten como finalidade mellorar a seguridade viaria e a fluidez do tráfico nesta zona, para isto proxéctase unha rotonda de distribución que substituíra á actual isleta, ampliaranse os carrís de circulación, formaranse novos pasos elevados e vaise separar as zonas de tráfico rodado das zonas peonís mediante elementos homologados e sinalización, por último tamén se acometerá a mellora da capa de rodaxe do viario que vai cara ao sur, na dirección ao porto. Pola súa banda, tamén na parroquia de Corvillón, no lugar de río de Ucha, para a nova rede de saneamento vanse instalar dous colectores de PVC, un para as augas residuais con novos pozos e conexións para todas as vivendas do lugar, e outro para a recollida de augas pluviais. E, para rematar, a última actuación comprende a renovación do alumeado público exterior e a implementación dunha iluminación específica para varias zonas da vila, para así mellorar a eficiencia enerxética e aforrar enerxía.
Ademais das achegas correspondentes á Liña 1, que son este ano de 680.833,80 euros, o Concello de Cambados tamén ten á súa disposición polo Plan Concellos 2019 un total de 86.286,90 euros na Liña 2 de amortizacións e débedas. Así mesmo, outros 211.254,14 euros da Liña 3 de emprego cos que a Deputación financia a contratación de 20 traballadoras e traballadores para o concello.
Neste novo ano 2019, no total da provincia, a Deputación de Pontevedra pon á disposición dos 59 municipios ao través do Plan Concellos case 43 millóns e medio de euros, o que supón un 3,3 % máis que no exercicio anterior.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.