O Consello Regulador Rías Baixas estima a produción para este ano en 36 millóns de quilos de uva, un 10% menos que en 2017
O Órgano de Control e Certificación presentou ao Pleno do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas o Informe de Estimación de Colleita 2018. Este documento, redactado en base aos datos estimados polos técnicos de campo das empresas durante a primeira quincena do mes de xullo, constata que, ata ese momento, o viñedo atopábase en moi bo estado sanitario a pesar de ser un ano moi complicado no meteorolóxico.
O documento analizado polos vogáis do Pleno estima a produción deste ano en "36 millóns de quilogramos de uva, un 10% menos que a colleita do 2017". Con ese volume de produción poderían vinificarse ao redor de 24 millóns de litros de viño.
Para a redacción deste informe, os técnicos do Consello Regulador supervisaron máis do 50% da superficie produtiva da denominación. No escrito, destacan que o índice de fertilidade deste ano é maior que o de 2017. A pesar diso, estiman unhas diminucións na colleita dun 10% debidoprincipalmente a "problemas de corremento de flor e de enfermidades fúngicas, sobre todo mildiu".
O documento do Órgano de Control e Certificación lembra que os casos de mildiu producíronse especialmente nas subzonas do Condado do Tea e no Val do Salnés. Con todo, "os técnicos de campo consultados esperan que sexan máis ben danos puntuais e non xeralizados", apunta o informe.
Esta situación vén propiciada por un ano climatológicamente "moi húmido, con tormentas e alternancia de períodos con altas e baixas temperaturas". Segundo explícase no documento, "as condicións meteorolóxicas adversas fan que os viñedos presenten unha situación moi heteroxénea e, en consecuencia, que resulte máis complicado estimar a produción coa mesma precisión que en 2017".En termos xerais, o ciclo vexetativo da colleita2018 en Rías Baixas comezou con "un atraso fenológico de 2-3 semanas aproximadamente con respecto ao ano anterior e unha semana con respecto a un ano normal".
O Informe de Estimación de Colleita 2018 examina fundamentalmente a información proporcionada polos técnicos de campo das adegas e as empresas de servizos agrarios, cuxas observacións e datos achegados nas enquisas, realizadas a mediados de xullo, sométense a unha análise detallada e a un procesamento estatístico. Finalmente, os resultados obtidos pondéranse en función da superficie supervisada por cada técnico para contar, deste xeito, con criterios unificados.
Ademais, e como tarefa de reforzo e garantía, o persoal dos servizos técnicos do Órgano de Control do Consello Regulador, xunto a algún dos técnicos asesores de campo, desprázanse ás distintas subzonas da Denominación de Orixe para efectuar mostraxes dos viñedos e pesada de acios. Con esta práctica, pretenden corroborar a situación real sobre o terreo.
Na actualidade, este Consello Regulador acolle a 183 adegas, 5.293 viticultores, así como 4.045 hectáreas repartidas entre 21.607 parcelas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.