O problema non é a demanda, que si existe, senón a carencia de persoal, que impide que as novas instalacións estean operativas
A Xunta de Persoal da Área Sanitaria do Salnés vén solicitando dende fai meses a re-apertura inmediata do terceiro andar do Hospital comarcal ante a saturación de pacientes nas diferentes seccións do mesmo, sobre todo no servizo de urxencias, onde moitos pacientes que ingresan no centro hospitalario permanecen demasiado tempo por estar pechado o terceiro andar. A Xunta de Persoal considera ademais que esta medida debe ir acompañada dun incremento de recursos humanos, pois o peche do terceiro andar supón unha reestruturación e unha saturación do resto dos servizos do Hospital, superándose en máis dunha ocasión os estándares mínimos de calidade esixibles nun centro hospitalario.
Por outra banda, non parece razoable que se acometera recentemente unha ampliación do Hospital cun gran investimento público, que incluíu a creación de zonas novas como o terceiro andar e os novos quirófanos, para manter eses espazos sen uso ou para utilizalos como almacéns. O problema non é a demanda, que si existe, senón a carencia de persoal, que impide que as novas instalacións estean operativas.
Os servizos e a atención no Hospital do Salnés seguen funcionando correctamente grazas á boa vontade e ao esforzo dos profesionais sanitarios para garantir a calidade asistencial. A cidadanía da Área Sanitaria do Salnés merece, ao igual ca das demais áreas, unha atención digna e de calidade.
Polo anteriormente exposto, presénta ante o pleno o seguinte ACORDO: O Concello de Cambados insta ao Servizo Galego de Saúde a abrir de maneira inmediata e permanente o terceiro andar do Hospital do Salnés. Dar traslado deste ACORDO á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.