Xornalismo é, escribir, publicar e transmitir o que non queren que se publique, escríbase e transmítase, o outro son "plumillas e relacións públicas da censura e a corrupción con premeditación e engano aos seus lectores".
CORES DO SALNÉS É UN BLO
G. Sobre todo crítico.

28 de noviembre de 2016

O SALÓN DE PLENOS DE CAMBADOS ACOLLE A EXPOSICIÓN "EXODUS"











salón de plenos da Casa do Concello de Cambados acollerá o martes 29 de novembro a exposición fotográfica "Exodus: na procura de refuxio". A Deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, inaugurará a mostra a partir das 12:00 horas. A exposición, elaborada polos fotoxornalistas galegos Felipe Carnotto e Adrián Irago entre os meses de setembro e outubro de 2015, documenta as vivencias dos refuxiados e refuxiadas que foxen de distintos conflitos bélicos para chegar a Lesbos e percorrer os Balcáns na procura dun novo fogar en Europa. "Exodus" poderase visitar entre os días 29 de novembro e 17 de decembro no salón de plenos da Casa consistorial de Cambados, en horario de 9:00 a 14:00 horas.
Respecto a esta mostra, a Deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, lembra que "Exodus provén dos termos latino e grego que significan ‘saída', coas consecuencias que iso leva consigo". As persoas protagonistas destas imaxes son persoas "que escapan de países onde uns poucos están a impoñer a súa vontade por enriba de todo", que "arriscan as súas vidas ata chegar a perdelas no Mediterráneo" buscando "esperanza, paz e solidariedade", sinala a Deputada provincial.
Ademais, Digna Rivas explica que "as institucións públicas e polo tanto a Deputación de Pontevedra temos unha importantísima labor de divulgación de información, temos que ser quen informen á cidadanía do que está a acontecer no mundo". Do mesmo xeito, a Deputada provincial asegura que cada unha das fotografías "contén unha historia que lle pode pasar a calquera persoa con independencia da súa procedencia ou do seu nivel de estudos".
A exposición xa se exhibiu entre o 29 de abril e o 10 de xuño no Pazo provincial da Deputación, "pero pareceunos boa idea que se fixera itinerante para que recorrese os concellos da provincia" e que a súa veciñanza, afirma a Deputada, "saiba o que está a acontecer". Ademais, Rivas asegura que "dáme mágoa dicir que non todos os concellos a quixeron acoller" e por iso reafirma o "agradecemento ao concello de Cambados" do Goberno provincial, por "permitir achegar á súa veciñanza", conclúe, "a dura realidade do que está a acontecer". Cambados é un novo punto da itinerancia da mostra "Exodus" despois de que a acollesen os concellos de Caldas de Reis, Salceda de Caselas, Nigrán, Forcarei, Catoira, Moaña, Tomiño, Rodeiro e As Neves.
Cómpre lembrar que Europa se está a afrontar á peor crise migratoria tras a Segunda Guerra Mundial. Segundo datos de ACNUR, máis dun millón de persoas cruzaron as illas gregas escapando do conflito en 2015. Un 25% delas eran menores de idade e, ademais, arredor de 3.700 persoas morreron no intento de cruzar o mar Exeo.
O seu camiño empeza en Oriente Medio. Foxen por centos de miles desde Siria, Iraq ou Afganistán. Un fluxo constante de humanidade dirixido polo medo, a inseguridade e a falta de oportunidades. A súa desesperación móveos a arriscar as súas vidas e a das súas familias por un futuro en paz. Fano desde Turquía, cruzando o mar Exeo ata as illas gregas en balsas de goma con nulas medidas de seguridade. En Grecia comeza un duro camiño entre fronteiras. Os refuxiados cruzan Europa cunha idea vaga de alcanzar Alemaña, Suecia ou Noruega. En Gevgelija, ao sur de Macedonia, na fronteira con Grecia, eríxese un campo de refuxiados ateigado de almas perdidas. Máis de dúas mil persoas ao día deixan a súa pegada nunha inhóspita paraxe.




No hay comentarios:

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.