Ofrenda floral a Rosalía de Castro no Panteón dos Galegos Ilustres
A igrexa de San Domingos de Bonaval acolleu unha misa en lembranza do 125 aniversario do traslado dos restos de Rosalía de Castro. Tras a liturxia relixiosa realizouse a ofrenda floral na súa tumba a cargo de distintas institucións e colectivos.

MANIFESTACIÓNS
A unidade do nacionalismo galego segue sendo unha quimera. Tras o espellismo do pasado ano, cando todas as organizacións políticas nacionalistas, galeguistas e independentistas acudiron xuntas á manifestación unitaria do 25 de xullo, desta vez a realidade volve amosar a división do nacionalismo e da esquerda galega. Cada un foi polo seu lado no Día de Galicia, para uns, ou da Patria, para outros.
A habitual manifestación que convoca o BNG polo Día da Patria comezou na Alameda de Compostela pasado un cuarto de hora do mediodía, cunha apelación a buscar unha "alternativa nacionalista" forte, como proclamou a voceira nacional e candidata da formación á Presidencia da Xunta, Ana Pontón.

Posteriormente, Pontón expresou na Quintana que "temos que tender a man e unir a todas as galegas e galegos na defensa dun proxecto de país con futuro”, pero recoñecendo que hai condicións: "Cada día que pasa teño máis convencemento de que precisamos forzas políticas propias. Porque sen pobo autoorganizado non hai proceso de autodeterminación”, advertiu Pontón.
O BNG chega a esta manifestación tras aprobar as súas candidaturas para as eleccións galegas deste outono, a primeira formación representativa de Galicia que conta con todos os seus candidatos xa designados, de entre os cales algúns encabezaron a pancarta da marcha polas rúas compostelanas como membros da Executiva nacional xunto a Ana Pontón.
Non moi lonxe de alí, tiña o acto de Anova Irmandade na capital galega, non tan numeroso, no Parque de Galeras. Alí, Xosé Manuel Beiras defendeu que "o espírito das Irmandades está nas mareas, por dous motores: o pobo galego como suxeito político e a República".

Beiras alentou os seus a "convencer ao resto de organizacións, e sobre todo aos seus cadros dirixentes, que o panorama é tan dantesco que hai que reaxir", chamando así á confluencia. O líder de Anova está convencido de que "cómpre comezar outra vez a tarefa histórica de liberación, fronte ao totalitarismo larvado".
Ademais, defendeu que "as alianzas a nivel de Estado son indispensables para poder catapultar nosa cuestión nacional", marcando de novo a liña vermella que separa a Anova e BNG.
O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, Xoaquín Fernández Leiceaga, apostou hoxe por defender a posición de Galicia no novo modelo territorial e "non volver perder o tren" do Estatuto de Autonomía.
Leiceaga interveu no acto do PSdeG polo Día Nacional de Galicia, coa tradicional ofrenda floral na estatua de Castelao na localidade coruñesa de Rianxo.
A presidenta da xestora do partido, Pilar Cancela, defendeu durante a súa intervención "o futuro de Galicia como proxecto, non como unha palabra máis", e apelou "á unidade" para as eleccións autonómicas.

"Pero tamén hai forzas noutros territorios que queren fragmentar e dividir", afirmou. "Temos que estar atentos para defender este modelo autonómico", considerou o candidato socialista.
No seu discurso, manifestou a necesidade "dun impulso novo que confíe e crea en Galicia", con máis autogoberno dentro dun modelo autonómico que defenda "a igualdade de trato, lonxe das tentacións insolidarias do PP".
O candidato garantiu que os socialistas farán efectiva "a transferencia da AP-9" e esixirá novas competencias en tráfico, policía e inspección de traballo.
Acusou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de non conseguir ningunha transferencia nova en sete anos e criticou que "o PP administra a miseria con clientelismo e inacción".
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.