![]()  | 
| Alfredo Brañas | 
No mes das Letras Galegas convén lembrar a un pioneiro do galego no ensino a quen aínda non se lle adicou o 17 de Maio
Alfredo Brañas Menéndez, Carballo (A Coruña) 1859 - Santiago de Compostela 1900, foi un escritor e ideólogo do regionalismo galego.
Fillo dun rexistrador da propiedade, pasou a súa infancia en Cambados (Pontevedra). Entre 1869 e 1873 estudou o bacharelato en Santiago de Compostela (A Coruña), e posteriormente Dereito na Universidade de Santiago de Compostela. Tras a morte do seu pai consegue rematar os seus estudos grazas á nai dun amigo que lle pagou a carreira, e xa mentres estudaba comezou a escribir na prensa, no xornal compostelán El Porvenir dirixido por Antonio Toledo Quintela.
En 1878, ao final dos seus estudos, volve a Cambados (Pontevedra) e traballa nunha notaría. Tres anos despois, en 1881 retorna a Santiago de Compostela (A Coruña) para colaborar no novo diario de Antonio Toledo Quintela, O Libredón e comeza a exercer de avogado e a participar nos círculos católico-tradicionalistas da cidade. Ao mesmo tempo comeza a escribir poesía en español e, en menor medida, en galego. Entre 1884 e 1885 foi secretario xeral da USC. En 1885 escribe «El Principio Fundamental del Derecho», no que recompila e resume as leccións que dera ese ano para poder optar á unha praza de profesor axudante, que acaba conseguindo. Entre 1885 e 1887 foi director do Libredón, pasando a colaborar co seu sucesor, El Pensamiento Galaico, pero acaba abandonándoo polo carlismo declarado do xornal.
![]()  | 
| Carballo | 
En 1887 consegue por oposición a cátedra de Dereito Natural da Universidade de Oviedo, alí publica «Fundamentos del Derecho de Propiedad». Xa en 1888 retorna unha vez máis a Santiago ao obter a cátedra de Economía Política na universidade desa cidade.
En 1889 publica en Barcelona «El Regionalismo». Estudo sociolóxico, histórico e literario, que foi aceptado por todos os sectores do galeguismo como un referente. En 1890 recibiu unha homenaxe en Santiago, que supuxo a primeira reunión de todos os galeguistas nun ambiente de unidade, independentemente das diferentes tendencias nas que se dividía, e que constituíu o punto de partida da mobilización rexionalista. A obra tamén obtivo gran repercusión entre o regionalismo catalán.
Tal día coma hoxe, 9 maio, en 1890 Alfredo Brañas foi o primeiro profesor de Universidade que fixo un discurso de tema intelectual en galego.
Brañas foi concelleiro en Santiago entre 1890 e 1891, e en 1890 participa na creación da Asociación Rexionalista Galega e escribe no seu órgano de expresión, La Patria Galega, no que Brañas fala por primeira vez de Galicia como nacionalidade. Participa nos Xogos Florais de Tuy (Pontevedra) de 1891, nos que pola primeira vez nun discurso público emprega o galego.
Nesta época, a ARG desaparece, tras un enfrontamento entre o sector liberal de Manuel Murguía e o católico tradicionalista de Brañas. Pero en xullo de 1892 Brañas e varios dos seus seguidores acoden á homenaxe a Murguía con motivo do seu nomeamento como bibliotecario da USC e dela xorde o encargo para Brañas de redactar as «Bases generales del regionalismo y su aplicación a Galicia». As Bases, nas que se percibe a influencia das Bases de Manresa, presentan un modelo práctico de descentralización. En 1893 participa na mobilización, xunto co resto dos rexionalistas contra do traslado da capitanía xeral da Coruña a León.
![]()  | 
| Praza adicada a Brañas en Cambados | 
En 1893 viaxa a Cataluña para participar nos "Juegos Florales" de Barcelona como membro do xurado, e xa antes publicara artigos comparando os regionalismos galego e catalán nas publicacións barcelonesas A Renaixença ou La España Rexional.
A influencia de Brañas
Un discurso de Alfredo Brañas provocou a militancia activa no catalanismo do líder da Lliga Rexionalista, Francesc Cambó. Así o declaraba hai un século o propio Cambó a un xornalista de raza como Wenceslao Fernández Flórez no xornal O Noroeste. Era o verán de 1916.
"Un galego foi o que exerceu en min a decisiva influencia para lanzarme á política nacionalista" declaraba Cambó Batllé.
Foi nunha conferencia de Brañas no Centro Escolar Catalanista en 1893. "Oín o seu discurso. Aquel mesmo día inscribinme eu no partido catalanista e desde entón non cesei de laborar nel" confesou o recoñecido político catalán. Era 1916 e Cambó aínda estaba a forxar a súa traxectoria. Este político de ideoloxía conservadora chegaría a ser Ministro de Fomento e de Facenda con Antonio Maura. Pero desto escribiremos noutro momento
En 1894 publica «Historia Económica» e un «Curso de Hacienda Pública» en 1896 e nese ano estrea o drama «La Voz de la Sangre y la Voz de la Patria».
Foi un dos fundadores do Ateneo León XIII (1896) en Santiago e do Círculo Católico de Obreros seguindo as directrices do papa León XIII na súa encíclica "Rerum Novarum". A crise do 98 vai provocar un certo arrefriado das súas posicións rexionalistas e o seu achegamento ao carlismo.
O regionalismo de Brañas baseábase nun catolicismo e un historicismo tradicionalista que lle serve para reclamar as liberdades antigas, á vez que arremete contra a industrialización, o liberalismo e o capitalismo, reclamando a volta aos gremios.
Alfredo Brañas faleceu en Santiago de Compostela o día 21 de febreiro do ano 1900, recibindo sepultura no Panteón de Galegos Ilustres, sito na igrexa de Santo Domingo de Bonaval.



No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.