
Tódolos concellos presentes na expedición pontevedresa (26) mostraron a súa satisfacción pola experiencia da viaxe, ao poder coñecer in situ diferentes modelos de xestión do lixo e escoitar a técnicos pioneiros na compostaxe nas xornadas organizadas pola Universidade Pública de Navarra. Por todo isto tanto alcaldes como concelleiros e técnicos agradeceron a iniciativa ao responsable de Medio Ambiente da Deputación, o vicepresidente César Mosquera, así como a posta a disposición de técnicos durante este mandato. Pola súa banda, a deputada Eva Iglesias, destacou o interese mostrado en todas e cada unha das visitas, así como a participación e curiosidade mostrada en tódalas conferencias.

Na segunda xornada da viaxe, os 45 representantes pontevedreses estiveron nas instalacións dos Traperos de Emaús, onde recibiron explicacións sobre o funcionamento de esta organización que ten como obxectivo darlle unha 'segunda vida' ao lixo. Tamén se visitou o Avicompo e o Parque dos Sentidos en Noáin, onde se utilizan as galiñas como volteadoras do compost.

No curso de verán de Alsasua coñecéronse experiencias de Italia, Cataluña, Navarra, Ourense e Compostela da man de técnicos recoñecidos internacionalmente.
Visita a Latpax
A expedición Pontevedresa realizou onte pola mañá a súa última visita a unha planta de tratamento de lixo: a planta de compostaxe de Latpax, que traballa cos residuos orgánicos de sete municipios da provincia de Guipúzcoa (3.000 toneladas por ano).
Esta planta de tratamento abriuse no ano 2008 como experiencia piloto cunha grande e custosa tecnoloxía para realizar o compost. Nun primeiro momento o tratamento realizábase en tambores autotérmicos xiratorios estancos. Este procedemento nunca chegou a funcionar correctamente, aínda que se mantivo durante catro anos. A partir de entón simplificouse o proceso de forma drástica e pasouse a facer a compostaxe de xeito mecánico-manual cunha volteadora acumulando os materiais en pilas.

No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.