O goberno do PP no Estado aprobou o pasado ano o Real decreto-lei 8/2014, do 4 de xullo, que leva aparellado o traspaso dos rexistros civís aos rexistros da propiedade e mercantís. Desaparece, así, un servizo público que se prestaba gratuitamente á organización rexistral, onde se gravan cun arancel as prestacións realizadas aos usuarios e usuarias. Dese xeito, un servizo até o de agora gratuíto acabará converténdose con case total seguranza en de pago obrigado. A este respecto, cómpre subliñar que o obxectivo do PP no seu modelo de servizos públicos privatizador é que as persoas usuarias sexan as que custeen o servizo, como xa foi introducindo na sanidade ou nos servizos sociais.
O Rexistro Civil é un servizo público e gratuíto que cumpre numerosas funcións, que son indispensables para a vida diaria de calquera persoa: inscrición de nacementos, estado civil, cambio de nome ou sexo... Hai trámites sinxelos, mais outros requiren acudir en persoa, o que o converte nun servizo imprescindible. E as persoas usuarias van ser as que precisaren expedir documentos básicos para acreditar a súa situación persoal, uns documentos que, á súa vez, son obrigatorios para cobrar pensión, prestacións de servizos sociais ou axudas públicas. Para alén disto, en moitos casos terán que facer longos e custosos desprazamentos, pois recentemente confirmouse que o Rexistro vai ser asumido unicamente por aqueles que teñen competencias mercantís. O mapa, pois, na Galiza ficaría só con rexistros na Coruña, Santiago, Lugo, Ourense e Pontevedra, fronte á actual presenza dos rexistros civís en todos os concellos galegos.

Por todo o anteriormente exposto, o grupo municipal do BNG, solicita da Corporación en Pleno, a adopción do seguinte
ACORDO
-Expresar o rexeitamento ao Real decreto-lei 8/2014, do 4 de xullo, de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia, instando ao Goberno do Estado español á inmediata derrogación deste Real decreto e á paralización do traspaso do Rexistro Civil aos rexistros da propiedade e mercantís.
-Instar á Xunta de Galiza a que demande do Goberno central que se garanta o servizo público, a atención nos xulgados de paz e a gratuidade futura nas funcións que prestan os rexistros civís.
-Dar traslado deste acordo ao Goberno central e á Xunta de Galiza.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.