PARA
A CONSELLERÍA OS PROBLEMAS EXISTENTES NO ENSINO PÚBLICO SON SEMPRE CULPA DE
OUTROS
A
páxina web institucional da Consellería de Cultura e Educación convírtese nun
medio propagandístico empregado polo Partido Popular para atacar ao
profesorado
profesorado
Diante das diversas informacións publicadas estes
días sobre problemáticas varias no inicio de curso en centros públicos da nosa
comarca a Consellería de Educación
decide pasar á ofensiva facendo o único que sabe facer, que é botarlle a culpa
a outr@s dos seus incumprimentos, incapacidades ou actuacións programadas
lesivas co ensino público.
Onte martes día 23 de setembro comprobamos como a
Consellería de Educación daba un novo paso no emprego partidista dos medios
institucionais, como é o caso da páxina web institucional http://www.edu.xunta.es,
un medio institucional que debería ter como función informar sobre as cuestións
relativas ao funcionamento da educación en Galiza pero que se ten convertido nos
últimos tempos nun medio de propaganda partidista do Partido Popular.
Diante da situación do CEIP A Lomba de Vilagarcía con
problemas na súa estrutura cando é un dos centros máis novos da comarca e con menos
profesorado que necesita e que lle foi solicitado pola dirección á Xefatura
Territorial de Educación, podemos
comprobar como na nota publicada na web institucional da Consellería de Cultura
e Educación http://www.edu.xunta.es/web/node/13460
botan balóns fóra, e en vez de dar explicacións polas deficiencias non
arranxadas e polas peticións de persoal docente non atendidas o que fan é
botarlle a culpa a unha empresa, empresa á que a mesma administración adxudicou
as obras non realizadas.
E diante dos problemas existentes coas obras de
mellora do patio do CEP Antonio Magariños de Cambados a mesma nota publicada na
web institucional da Consellería atrévese a atacar a profesorado dese centro
poñendo en dúbida a súa profesionalidade e o seu esforzo por impedir que o
alumnado poida correr perigo debido ás deficiencias existentes nalgunhas das
instalacións do centro, deficiencias das que repetidas veces foi informada unha
administración educativa que até o de agora a resposta que deu foi a de poñer
parches, facer promesas baleiras e propagandísticas e mentir ao
respecto de datas de empece e remate das obras prometidas.
A CIG-ENSINO quere denunciar esta actitude da
Consellería de Cultura e Educación e quere amosar o seu apoio ás comunidades
educativas do CEIP A Lomba e CEP Antonio Magariños nas súas reivindicacións, e
moi especialmente queremos transmitir a nosa solidariedade co profesorado do
CEP Antonio Magariños, un colectivo de profesorado que día a día dá exemplo de
profesionalidade poñendo todo o mellor de si para reducir no posíbel os efectos
negativos que para o alumnado poida ter o estado deficiente dalgunhas das
instalacións do centro, un profesorado que non ten porque aturar o desprestixio
como profesionais que buscan causarlles uns auténticos irresponsábeis como os que deron orde de
redactar esa nota.
Coma sempre a CIG-ENSINO chama aos compañeiros e
compañeiras de todos os centros de ensino público da comarca do Salnés a seguir
traballando amosando a súa grande profesionalidade e a seguir denunciando as
fallas e deficiencias cando as haxa, pois consideramos que esixir un ensino
galego, público e de calidade tamén é parte da nosa condición de docentes e
cidadáns.

No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.