Xornalismo é, escribir, publicar e transmitir o que non queren que se publique, escríbase e transmítase, o outro son "plumillas e relacións públicas da censura e a corrupción con premeditación e engano aos seus lectores".
CORES DO SALNÉS É UN BLO
G. Sobre todo crítico.

20 de marzo de 2014

PRESENTADO O CAMBADOS COOLTURAL DE PRIMAVERA






O alcalde, Luis Aragunde, presentou a programación cultural de primavera que xa arranca este sábado co Taller de Fotografía Alternativa e prosegue na primeira semana de abril cos actos centrados na conmemoración do Día Mundial do Libro e da Concienciación sobre o Autismo. O programa aparece repleto de obradoiros, contacontos, teatro, exposicións e festivais. Un Cooltural no que o alcalde salienta as actividades moi variadas e abertas, “sempre na procura de compracer a un público moi heteroxéneo, para todos os gustos e sensibilidades, dende a infancia ata a terceira idade”.

O alcalde cambadés anunciou que se vai adquirir unha pantalla xigante de alta resolución, a instalar na praza do Concello, para informar públicamente das propostas culturais e deportivas, ademais de exhibir vídeos promocionais de Cambados onde os visitantes poidan coñecer os principais atractivos monumentais e paisaxísticos do noso municipio.
O Concello quere dar a benvida a primavera por todo o alto, coa presentación dun programa que abrangue marzo, abril, maio e xuño. Con este conxunto de actividades agárdase satisfacer e aínda superar as expectativas de toda a veciñanza, dado que se da cabida á música e ó baile, á formación, ó teatro, á maxia, ó deporte... O Cambados Cooltural deseñouse para dar máis difusión ás actividades que o Concello vén desenvolvendo, e nas que se procura a participación de todos os veciños tanto do centro urbano como das parroquias.
Con respecto aos talleres creativos para nenos da Casa dos Fraga, sobresae o taller de Fotografía Alternativa que principia este sábado 22 e remata o vindeiro sábado 29 pola mañá, co que nenos acompañados dun familiar coñecerán segredos da fotografía analóxica.
O 2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil, celebraráse un contacontos ideado polos nenos que asisten á actividade de animación á lectura; despois terá lugar un taller de monicreques e outro de elaboración de galletas.
Tamén en abril contaremos cun obradoiro de Banda Deseñada (realizado polos creadores da revista do Xabarín Club), a través do programa Ler Conta Moito, da Xunta de Galicia.
Nas vacacións de Semana Santa, continuando coas actividades de conciliación, celebraránse actividades e xogos polas mañás na biblioteca Casa dos Fraga  e nos centros culturais das parroquias.
O 3 de maio ofértase unha sesión de Bebeteca sensorial da man da contadora Charo Pita a través do programa Ler Conta Moito, da Xunta de Galicia. Para  nenos de 0 a 3 anos acompañados dun adulto.
No que respecta ás celebracións salientables dos vindeiros meses sobresae a colaboración que se vén realizando coa Asociación Por Dereito, baixo a denominación Abril Azul, con varias actividades  para apoiar a inclusión das persoas con autismo. Do 1 ó 6 de abril iluminarase en azul A Naiciña (na praza de Asorey), e colocaranse globos azuis uníndonos así ao movemento mundial a través do cal máis de 100 edificios e monumentos emblemáticos do mundo tinxiranse de azul para apoiar a causa.
Este  ano, con motivo do Día Internacional do Libro (23 de abril), esténdese a toda a semana dita celebración e contaremos con Títeres Cachirulo, grazas ao programa da Xunta de Galicia Ler Conta Moito, que virán a amosarnos o Libro da Selva á Biblioteca Casa dos Fraga e ás súas axencias de lectura das parroquias: o 21 estarán na Casa da Cultura de Castrelo; o 22 na Casa da Cultura de Corvillón; o 23 virán á biblioteca Casa dos Fraga;  o 24 visitarán o centro Gumersindo Márquez de Oubiña, e o 25 na Casa de Cultura de Vilariño.
-O 1 de maio celébrase a XIX Festa da Bicicleta que é unha das que conta con maior participación en Galicia enteira, pois congrega a milleiros de cambadeses e salinenses en cada convocatoria.
-O 10 de maio celebraremos a Festa dos Maios no Pazo de Torrado, e actuarán os grupos cambadeses Volandeira, Xironsa, Con de Xido, coro xuvenil Clave de Sol, Os Carballeiras e os Xeitosiños.
No apartado deportivo celébrase este vindeiro domingo pola mañá, no porto cambadés de Tragove, o campionato galego de Kayak de Mar. Daranse cita os mellores palistas galegos desta modalidade.
O acontecemento máis relevante desta tempada, no eido deportivo, será o Campionato de España de Baloncesto na categoría infantil (do 15 ó 21 de xuño), que vai atraer ó noso municipio e comarca ós mellores clubs de toda a Península e a numerosos visitantes entre seareiros e familiares dos rapaces que compiten.
Con respecto ás Actuacións Musicais e concertos no Auditorio Municipal, toda a veciñanza están convidada, o 30 de marzo, ao concerto do grupo de Pulso e Púa Arousa. O 27 de abril apoiaremos ao grupo Añoranza que ofrecerá un concerto a beneficio da Asociación Española Contra o Cancro. A celebración das Letras Galegas será tamén sobresaínte co tradicional Concerto das Letras Galegas a cargo da Banda de Música de Castrelo, e mailo Festival das Letras Galegas da Coral Polifónica de Cambados. O 21 de xuño, Dia Internacional da Música, contaremos cun Concerto de piano e voz organizado en colaboración coa Academia 5ª Sinfonía de Cambados
-O 18 de maio no Parque de Torrado celébrase o Festival Folclórico que organiza a asociación Con de Xido.
-A igrexa parroquial de Santa Mariña, o luns 14 de abril, acolle un concerto de música sacra da man de Si Vis Me Canere.
Nos vindeiros meses prevense igualmente diferentes exposicións que reflicten o bo facer de artistas consagrados e noveis da zona. No pazo Torrado inaugurase en abril a exposición de debuxos e pinturas de Benito Montero. En maio contarase coa Exposición Colectiva Multidisciplinar Artefacto Salnés Son de Cambados, organizada polo IES R. Cabanillas e artistas da comarca como Manolo Paz, Xaquín Chaves ou Uxío López. E a partir do 30 de maio vaise inaugurar a exposición de Xaquín Chaves Biografía Visual. 
En Exposalnés tamén se aproveita o espazo para exposicións e prevese para abril a exposición colectiva Saudarte, organizada pola Fundación Galega contra o Narcotráfico; en maio ábrese a exposición de Alberto Redondo Espada e Rosario Palacios Orive. Xa no mes de xuño inaugúrase a Exposición de Arqueoloxía no Exterior do Instituto de Ciencias do Patrimonio e CSIC.
No centro sociocultural A Merced haberá unha ampla oferta de cursos e talleres de formación para xóvenes e adultos. Cómpre salientar os que se realizarán nos vindeiros meses como o curso de Interpretación Medioambiental e Guía de Sendeirismo, o curso de Galego Celga 3, o curso de Monitor de Tempo Libre, e o curso de Condutor de Mediación Intercultural. As persoas interesadas poden inscribirse na Oficina Municipal de Información Xuvenil (Omix).
Vanse editar máis de 3.000 exemplares do Cooltural que na próxima semana distribuiranse nos colexios, centros culturais e locais de Cambados. Está proposta cultural, xunto coas actividades que durante a semana se desenvolven nos centros das parroquias e na Casa dos Fraga, como animación a lectura, xogamos co inglés, informática, hábitos de estudo, entre outros, agardamos que sigan contando coa meirande participación veciñal.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.