Xornalismo é, escribir, publicar e transmitir o que non queren que se publique, escríbase e transmítase, o outro son "plumillas e relacións públicas da censura e a corrupción con premeditación e engano aos seus lectores".
CORES DO SALNÉS É UN BLO
G. Sobre todo crítico.

31 de marzo de 2014

CONVOCADO O CERTAME DE ESCULTURA ASOREY






A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora co I Certame de Escultura Francisco Asorey para “favorecer a creatividade dos artistas novos no ámbito das artes plásticas e de poñer en valor a obra e a figura de Asorey”. Así o afirmou o secretario xeral de Cultura na presentación da iniciativa, que tivo lugar hoxe en Cambados, concello natal do escultor.
Acompañado polo alcalde de Cambados, Luis Aragunde; polo presidente de honra e a presidenta da Asociación Cultural Francisco Asorey, José Manuel Asorey e Carmen Asorey, respectivamente; e polos membros da comisión organizadora Manolo Paz e Carlos Valle, o secretario xeral de Cultura destacou “o interese da Consellería por contribuír coa difusión do legado de Asorey, así como por afondar no recoñecemento dun dos piares artísticos da nosa cultura”, coincidindo coa celebración do 125.º aniversario do seu nacemento.


Con este obxectivo, a Consellería de Cultura e Educación asinará este ano un convenio de colaboración co Concello de Cambados “que nos permitirá seguir dando novos pasos nesta consecución, con iniciativas coma este certame de escultura, para recordar e honrar o ilustre cambadés que abriu un camiño de creatividade e renovación da arte escultórica”.
Un certame para os novos talentos
Promovido pola Asociación Cultural Francisco Asorey co apoio da Xunta de Galicia, dos concellos de Santiago de Compostela e de Cambados, da Deputación de Pontevedra e de La Caixa, o certame está dirixido a artistas novos galegos ou residentes en Galicia. Para participar, cada artista deberá presentar unha única obra escultórica da que sexa autor, de temática libre, inédita e orixinal, realizada en calquera material (pedra, madeira, escaiola, barro, ferro, aceiro, etc.). A inscrición realizarase na páxina web www.franciscoasorey.es entre o 28 de marzo e do 15 de xuño, ambos os dous incluídos.
O premio do certame escultórico está dotado coa cantidade de 6.000 euros e a súa concesión implica tamén a exposición de obras do gañador ou gañadora durante un mes nuha sala de exposicións coa posibilidade de venda. Concederanse, así mesmo, dous accésits. O xurado estará integrado por personalidades relevantes do mundo artístico e cultural e a súa composición darse a coñecer o próximo 2 de xullo en Cambados, coincidindo co día no que se dará a coñecer o gañador ou gañadora.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.