O Castelo de Salvaterra de Miño será o punto de partida da segunda das
etapas da Volta Ciclista a España que se disputará na provincia de
Pontevedra, cun final inédito na península do Morrazo e, concretamente,
no concello de Cangas.
Así o anunciou esta mañá en rolda de
prensa o presidente da Deputación, Rafael Louzán, acompañado da
secretaria xeral para o Turismo da Xunta de Galicia, Nava Castro; da
deputada delegada de Deportes, Begoña Estévez, do alcalde de Cangas,
José Enrique Sotelo; e da tenente de alcalde de Salvaterra de Miño,
Marta Valcárcel; que coincidiron en subliñar o efecto de promoción e de
revulsivo económico que esta proba ciclista suporá para a provincia e
para o sector hostaleiro e de restauración.
Nesta liña, Nava
Castro incidiu en que os datos de ocupación de agosto de 2013 demostran
este efecto, dado que se acadaron cifras máximas de ocupación
hostaleira, lográndose en Sanxenxo un "máximo histórico" durante o mes
de agosto, coincidindo co paso da Volta pola provincia.
O obxectivo da Deputación e da secretaría xeral para o Turismo é que
este efecto se volva repetir este ano, axudando, ademais, a prolongar a
tempada alta, xa que a proba ciclista estará na provincia os días 11 e
12 de setembro.
Neste sentido o presidente da Deputación incidiu
en que serán entre 33 e 35 os concellos polos que pasará e que será un
"magnífico escaparate" para mostrarlle ó mundo os atractivos turísticos.
A penúltima etapa da Volta a España partirá do Castelo de Salvaterra de
Miño, percorrendo Ponteareas e boa parte dos concellos do Condado,
ademais de Baiona, Nigrán e Gondomar, para introducirse posteriormente
na península do Morrazo, onde probablemente faga un dobre pase polo
municipio de Moaña antes de rematar en Cangas.
Previamente, o
día 11 de setembro, serán as comarcas de Tabeirós-Terra de Montes,
Caldas e O Salnés as que reciban o pelotón da Volta, nunha etapa que se
iniciará na Estrada e que culminará no campo de golf de Meis, "a cabalo
entre dúas rías, a de Arousa e a de Pontevedra". Un remate en subida
que, segundo subliñou o presidente da Deputación, a propia organización
considerou "especialmente atractivo".
Neste caso e a falta de
pechar algúns detalles, a etapa pasará por Cuntis, Caldas de Reis,
Moraña, Valga, Pontecesures, Vilagarcía de Arousa, Cambados, Sanxenxo e
outros concellos do Salnés e Pontevedra, proxectando a máis de 190
países do mundo a imaxe dunha provincia e dunha comunidade que quere
apostar forte polo turismo como sector estratéxico.
Turismo interior e diversificación
O alcalde de Cangas, José Enrique Sotelo, valorou a aposta da
Deputación por este evento deportivo e subliñou que para a vila
morracense se presenta como unha posibilidade de "reducir a nosa
dependencia da pesca" e para a revalorización turística dun concello que
é o que máis quilómetros de costa ten de toda Galicia.
Sotelo
incidiu en que o municipio é "o gran descoñecido de Galicia para o
turismo", pero o obxectivo é reverter esta situación de forma que o
sector cobre no concello o peso que se merece.
De feito, tal e como subliñou o rexedor local, na actualidade hai en marcha cuatro proxectos turísticos na localidade: a rehabilitación con fins turísticos da conserveira Ameixide, no Hío, que contará con spa, hotel e un pequeno porto deportivo; unha escola de vela privada e outros dous establecementos hoteleiros.
De feito, tal e como subliñou o rexedor local, na actualidade hai en marcha cuatro proxectos turísticos na localidade: a rehabilitación con fins turísticos da conserveira Ameixide, no Hío, que contará con spa, hotel e un pequeno porto deportivo; unha escola de vela privada e outros dous establecementos hoteleiros.
O alcalde confía en que a chegada da
Volta actuará, así, a modo de revulsivo económico e de elemento de
promoción da vila, que ten tamén un grande atractivo no seu conxunto
histórico, no que se realizaron xa destacadas actuacións de
rehabilitación e urbanización por parte da Deputación.
Pola súa
banda, a tenente de alcalde de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel,
salientou o auxe do turismo de interior e incidiu en que a proba
ciclista será un bo colofón á Festa do Viño do Condado, que rematará nos
días previos á chegada deste evento deportivo á localidade.
Marta Valcárcel subliñou a importancia que para concellos pequenos como
no que desenvolve o seu labor ten o apoio doutras administracións para a
súa promoción turística e deixou patente a relevancia do ciclismo na
comarca do Condado.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.