Xornalismo é, escribir, publicar e transmitir o que non queren que se publique, escríbase e transmítase, o outro son "plumillas e relacións públicas da censura e a corrupción con premeditación e engano aos seus lectores".
CORES DO SALNÉS É UN BLO
G. Sobre todo crítico.

2 de diciembre de 2013

II TORNEO INT. DEPUTACIÓN PONTEVEDRA DE BALONMÁN





O II Torneo Internacional Deputación de Pontevedra "O Salnés", nas categorías cadete e infantil (masculina e feminina), disputarase o 6, 7 e 8 de decembro nos concellos de Cambados, Meaño, Sanxenxo e Ribadumia. Participarán 18 seleccións, das catro categorías, e viaxarán a Galicia máis de 500 persoas entre deportistas, técnicos, delegados e acompañantes. Esta competición servirá como preparación das seleccións territoriais, que disputarán do 2 ó 7 de xaneiro, en Asturias, o Campionato de España.
Así se anunciou esta mañá nunha rolda de prensa na Deputación, na que a deputada Begoña Estévez salientou o auxe que o balonmán está a ter nos últimos tempos, de forma especial na comarca do Salnés, onde se crearon dúas novas escolas desta modalidade deportiva, unha en Cambados e outra en Sanxenxo, que se suman ás que xa existían en Meaño e O Grove.
Con estas son 148 as escolas deportivas de balonmán que a Deputación, en colaboración coa Federación Galega deste deporte, ten en marcha, repartidas por toda a provincia, nas que se forman máis de 2600 nenos e nenas.
Estévez destacou o papel que estas escolas teñen á hora de achegarlles o deporte ós máis cativos, sobre todo nos concellos máis pequenos, onde a oferta da institución provincial permite que os rapaces entren en contacto con deportes que doutra forma, probablemente, non terían a ocasión de coñecer nin practicar.
A deputada fixo fincapé na relevancia do torneo internacional que vai ter lugar esta fin de semana, que nesta segunda edición non só se disputará na categoría cadete senón na infantil.
Nesta categoría (deportistas nacidos nos anos 2000 e 2001), tanto masculina coma feminina, participarán as seleccións de Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León. En cadete, ademais das catro seleccións xa nomeadas, haberá participación internacional; na categoría masculina competirá a selección sub16 portuguesa, mentres que na feminina viaxará a Galicia unha selección da rexión holandesa de Brabant.
Será o segundo ano consecutivo que se organice esta actividade nos concellos de Cambados, Meaño e Sanxenxo. No Nadal pasado disputouse o primeiro torneo do Salnés de cadete; tanto a organización coma os concellos quedaron moi satisfeitos coa iniciativa e decidiron repetir este ano, ampliando as categorías e convertendo o torneo en internacional.


1 comentario:

Mariña A Toxa dijo...

De novo a Deputación de Pontevedra e a Federación Galega de Balonmán olvidanse de O Grove e do club Rasoeiro BM na celebración do torneo de Balonmán. Non teño nada en contra dos outros concellos nos que se vai celebrar o torneo, eu son de Cambados, pero deixar sen este evento ao Concello de O Grove e a rapazada que movemos tódolos fíns de semana no Rasoeiro BM por toda Galicia, pareceme algo fora de lugar.
Somos o primeiro club do Salnés por nº de licencias federativas, somos un equipo referente en toda Galicia no balomnán feminino (campionas galegas, medalla de bronce nos campionatos de España,...), somos pioneiros na celebracións de campus de nivel nacional e galego (Campus Juan de Dios Román, Campus do Rasoeiro BM), somos un equipo que colabora sempre co que se lle pide dende a Federación e dende a Deputación de Pontevedra (Balonmán na Rúa, Balonmán na praia, HQR, ...), somos un equipo que aporta xogadores/as con frecuencia ás convocatorias da selección galega, ...por todo esto non entendo a discriminación que sufrimos por parte destes dous organismos. Entendo a promoción que se quere facer en localidades nas que o balonmán non acaba de calar pero tamén e verdade que O Grove merece ter eventos deste tipo aínda que solo sexa por deferencia con un club que se merece todo o respeto pola súa traxectoria, tanto deportiva como social.

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.