Promesas de estudios sobre a situación do centro Eso foi o que saiu da reunión.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, mantivo esta mañá unha reunión de traballo sobre o futuro do espazo deportivo do CEP Antonio Magariños de Cambados na que estiveron presentes os representantes da comunidade educativa deste centro, o alcalde do municipio, Luis Aragunde, e o xefe territorial de Cultura e Educación, César Pérez Ares.
Tamén estiveron presentes responsables da Unidade Técnica da Xefatura Territorial e o inspector responsable do colexio.
O obxectivo da reunión foi estudar as necesidades do CEP Antonio Magariños de Cambados de cara a continuar o próximo ano cunha segunda fase de melloras do centro que dea así continuidade aos traballos executados en 2011 nunha primeira fase na que se investiron 200.000 euros na posta en marcha da ampliación da biblioteca, a mellora da cuberta e doutros espazos en colaboración co concello da localidade.
Na segunda fase analizada hoxe levarase a cabo a mellora do espazo deportivo do centro que se atopa no patio cuberto. “Acordouse na reunión que a Unidade Técnica faga unha valorización económica e técnica desta obra”, explicou Cores Tourís, quen anunciou que, unha vez remate este informe “volveremos a convocar a comunidade educativa para analizar a súa viabilidade”. Estes traballos executaranse con cargo aos orzamentos de 2014, “xa que se trata dunhas obras prioritarias”.
De feito, dende a Xunta destacan que os representantes da ANPA e da dirección do centro, presentes neste encontro, agradeceron o interese da administración autonómica pola demanda do colexio e mostraron a súa satisfacción pola reunión mantida hoxe e polo acordo ao que se chegou nela. Si esto é certo parece que alguén se está a rir dos cambadeses.
Finalmente, o alcalde do municipio, Luis Aragunde, tamén anunciou que o concello de Cambados comezará de xeito inmediato co proceso de desafectación das casas dos mestres, “de cara a poder ampliar o patio escolar para desfrute dos nenos do colexio”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.