O goberno provincial aprobou este venres o concurso para a explotación privada das catro Pousadas do Salnés: A Lanzada (O Grove), Armenteira (Meis), Ribadumia e Meaño, segundo confirmou o presidente da Deputación, Rafael Louzán. Así mesmo, o pleno da Corporación Provincial acordou incluír no inventario de bens da Deputación os catro centros que forman parte deste proxecto, cun valor patrimonial de 15 millóns de euros.
Numerosas empresas interesáronse neste conxunto para xestionar conxuntamente duascentas prazas hoteleiras, todas elas adaptadas para persoas con discapacidade e cunha categoría mínima de catro estrelas. Adxudicaranse a unha mesma empresa co fin de que se ofrezan uns servizos homoxéneos.
O concurso prevese publicar no Boletín Oficial da Provincia a semana que vén, a partir da súa publicación establécese un prazo de presentación de propostas de sesenta días. A adxudicación realizarase por un período que oscilará entre os 10 e os 20 anos.
As Pousadas están dirixidas especialmente a un turismo que adoita ter poucas posibilidades de viaxar en grupo. Non obstante este é un "nicho de mercado" moi amplo. Segundo os datos ofrecidos pola Deputación, en España hai uns tres millóns de persoas con limitacións físicas.
As empresas interesadas en asumir a xestión das Pousadas deberán cumprir unha serie de requisitos como a contratación de persoal con discapacidades, ou que compatibilicen os usos hostaleiros cos formativos.
Neste sentido haberá un vinculo claro coa Escola Comarcal de Hostalaría que vai continuar na Lanzada os próximos anos.
As catro pousadas do Salnés foron financiadas grazas a un convenio aprobado polo Fondo de Desenvolvemento Rexional (Feder) da Unión Europea, por un importe que rolda os nove millóns de euros e tamén polos concellos pertencentes a Mancomunidade do Salnés. Inclúen outras melloras como a recuperación da Ruta da Auga e da Pedra ou a escavación dos depósitos arqueolóxicos da Lanzada e de Monte do Castro.
2 comentarios:
Quiero leer esas bases, es más divertido que cualquier cómic de humor
Cando saian publicareinas. Pero xa tes unha base onde sacar conclusións.
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.