Xuventudes Socialistas de Cambados denunciou hoxe a Orde publicada o pasado 29 de outubro no BOE polo Goberno de Rajoy, na que se establece que todos aqueles estudantes Erasmus que o pasado curso non sexan beneficiarios da bolsa xeral do MECD, non recibirán este curso a súa bolsa Erasmus.
O Secretario Xeral de XSG Cambados e Secretario de Formación de Xuventudes Socialistas de Galicia, Ismael Agra, declarou que "hai máis de 30.000 mozos que cada ano poden estudar nunha universidade doutro país da Unión Europea grazas ás bolsas Erasmus, e con esta medida, Wert e Rajoy deixarán sen a súa axuda á maioría dos Erasmus unha vez iniciado o curso".
Para Ismael Agra "é indecente que o Goberno actúe con esta nocturnidade e aleivosía, deixando tirados por sorpresa a miles de estudantes que xa iniciaron o curso no seu país europeo de destino".
Os Erasmus que xa se atopan estudando no estranxeiro contaban cos 150
euros que aproximadamente cobraban cada mes, agora a súa estancia alí corre perigo para moitos deles, xa que o Goberno esnaquizou as súas expectativas" engadiu -.

Neste sentido, Ismael Agra asegurou que "trátase doutra cacicada máis de Wert e Rajoy, na que como sempre, os prexudicados son os colectivos máis vulnerables, neste caso; os estudantes", -e engade- "o Goberno volve atacar á educación, esta vez impedindo que miles de estudantes poidan complementar e mellorar a súa formación nun país estranxeiro".
O Secretario Xeral de XSG Cambados concluíu que "novos recortes como este van facer que sigan as mobilizacións educativas contra un Goberno déspota que non é capaz de dar ningún tipo de solucións e que está desmantelando o sistema público de bolsas no noso país".

No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.