A comisión organizadora do 'Festigal', integrada por Galiza Nova e a Fundación Galiza Sempre, presentou este xoves este evento de carácter "aberto e gratuíto", que terá lugar no campus sur o día 24 a partir das 10.30 horas e no café concerto o 25 dende as 17.00 horas. Así mesmo, describiu ao 'festigal', dende o seu nacemento no 2002, como "un alzamento de novos talentos", entre os que destacou a Ultracans, Nao, Lamatumbá, Deus ke te crew e Susana Seivane, que "non eran tan coñecidos como o son hoxe".
Os deportes tradicionais formarán parte, por primeira vez, deste evento, coa presenza da liga nacional de billarda que, segundo explicou a comisión organizadora, "leva dez anos sendo un auténtico fenómeno de contrucción non só deportivo senón tamén sociocultural". A maiores, indicou que o 'Festigal' contará con exhibicións de loita medieval galega e con fútbol gaélico, un deporte mixto de recente implantación en Galicia e procedente de Irlanda.
A comisión sinalou que o ámbito das letras será parte deste festival coa presenza de editoriais e librarías, pero tamén coa presentación de libros de autores como Teresa Moure, Pilar García Negro, Miguel Anxo Fernández e Anselmo López Carreira, entre outros. Nesta mesma liña, tamén explicou que se manterá a galería infantil con espectáculos como 'Rosalía pequeniña', de Uxía Senlle, e actuacións de danza contemporánea e teatro.
Así mesmo, a comisión indicou que "haberá espazo" para o debate político soberanista como "alternativa á crise política e económica", no que participarán "representantes doutras forzas políticas soberanistas e de esquerdas do estado español".
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.