Na tarde de onte xoves dia 4, o BNG de Cambados reuniuse coa Asociación “O Batuqueiro” de Vilariño para tratar un tema de interese común para ámbolos colectivos, como é o das suxestións e observacións ao Informe de Avaliación Ambiental do PXOM de Cambados, pois recordemos que hoxe día 5 remata o período de exposición pública no cal era posible incorporar as distintas aportacións de persoas ou asociacións interesadas facelo.
O BNG considera que este é o momento axeitado para introducir no Informe Ambiental do PXOM do noso concello, un regulamento que tivera en conta as consecuencias ambientais e sobre a saúde das estacións e liñas eléctricas. Recordemos que, ademais, está é unha das principais preocupacións da Asociación “O Batuqueiro”.
O BNG, ente as súas observacións, enviou as seguintes suxestións con respecto a temática de interese para a asociación de Vilariño:
Regulamento Estacións e Liñas eléctricas.
Considera o BNG que este documento, tratándose do Informe de Avaliación Ambiental do PXOM de Cambados, debería incluír un Regulamento sobre a construción e instalación de estacións é liñas eléctricas, xa que é un tema que afecta directamente á saúde das persoas e que está a preocupar a moitos dos nosos/as veciños/as. Concretamente, a preocupación polo recente anuncio de ampliación da subestación eléctrica do Pardiño, na parroquia de Vilariño, creou unha alarma social que debería mitigarse coa inclusión no PXOM, dun claro regulamento sobre este tipo de infraestruturas, no que se definiran claramente cuestións de vital importancia como son as posibles ubicacións, as distancias ás vivendas ou as características dos trazados de liñas de media e alta tensión, entre outras cousas, de xeito que a saúde das persoas fora o criterio prioritario á hora de situar e construír este tipo de instalacións.
Apuntan tamén os nacionalistas, igualmente que nesta mesma liña de actuación, onde se dea prioridade á saúde das persoas por riba dos intereses económicos, tamén sería necesario a creación doutro regulamento que incluíse os criterios para a instalacións de antenas de telefonía móbil; tema, por certo, que tamén preocupa aos veciños e veciñas de Cambados.

No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.