O BNG leva anos facendo público o seu malestar porque o PP utilice a Festa do Albariño, en especial o seu Xantar, para promocionar prioritariamente ao seu partido político por riba do evento, do sector vitivinícola e do concello. É dicir, desde hai anos desde o concello, tentouse transformar a Festa do Albariño na “Festa do PP”, convidando ao Xantar, sen ningún criterio, a calquera persoa vinculada ao seu partido o que, ademais, significou que nalgunhas edicións recentes o número de convidados estivera preto do millar de asistentes o que supuxo un despilfarro de cartos públicos (tamén criticado, reiteradamente, polo BNG)
Que se isto non fora suficiente, o PP leva anos manexando ao Capítulo Serenísimo para determinar a distinción de “Cabaleiros do Albariño” a cargos políticos do partido. O único argumento utilizado para defender este xeito de actuar do PP era que a esaxerada presenza de membros do seu partido redundaba na “teórica promoción” da Festa do Albariño e do concello de Cambados.
Pola contra, a día de hoxe, a realidade está a demostrar que a inclusión de membros do PP, distinguidos nalgún momento neste evento, foi un erro e resulta negativo para a promoción deste concello e da Festa do Albariño. Lamentablemente está a comprobarse, que políticos do PP distinguidos como “Cabaleiros do Albariño” son un exemplo de comportamentos corruptos. Mentres a sociedade esta a padecer unha tremenda crise económica e social, comproba como moitos representantes do PP utilizan o seu cargo político para enriquecerse persoalmente e para beneficiar a determinadas grandes empresas amigas comportándose, ademais, como políticos hipócritas que non están dispostos nin a dimitir nin a dar explicacións á cidadanía, tentando ocultar, en todo momento, as ilegalidades do seu partido político.
Hoxe, este tipo de representantes do PP está a facerlle dano ao noso concello e á nosa festa pola vinculación que, erradamente, o PP leva tentando facer con Cambados e co Albariño.
Resulta inaceptable que na actualidade desde o Concello de Cambados non se dea exemplo e se lle retire calquera tipo de distinción a políticos que deberiamos desvincular dun dos principais sectores económicos da nosa comarca. O BNG considera que a distinción de Cabaleiros do Albariño outorgada polo Capítulo Serenísimo a estes representantes do PP resulta negativa para Cambados, para a Festa do Albariño e para o sector vitivinícola da nosa comarca, polo que resulta urxente a súa desvinculación con este evento e esta comarca.
Polo tanto os nacionalistas presentaron un escrito no Concello no que piden que o Concello se dirixa ao Capítulo Serenísimo para que tome a decisión de eliminar a distinción de Cabaleiros do Albariño a Mariano Rajoy, Francisco Álvarez Cascos e Jaume Matas.
-Mariano Rajoy: por responsable dunha trama de financiamento ilegal do seu partido político, acusado de cobrar sobresoldos en negro nos anos 97, 98, 99 (vulnerando a Lei de Incompatibilidades do ano 1995) e, ademais, por negarse a dar explicacións á cidadanía destas acusacións, o que nun réxime democrático debe ser a primeira obrigación de calquera representante político.
-Francisco Álvarez Cascos: (no seu momento ministro de Fomento do PP) tamén cobrou sobresoldos en negro procedentes do financiamento ilegal do PP.
-Jaume Matas: (ex ministro de M. A. do PP), condenado por varios delitos de corrupción ao usar os cartos públicos en beneficio propio. Coma sempre estas peticións cairán en saco roto.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.