Segundo denuncia o Sindicato Labrego Galego a escusa que poñen algunhas das adegas implicadas como Gran Bazán, Lagar da Condesa, Sucesores de Benito Santos ou Núñez Andión é que, por mor da crise, o viño non está tendo saída, polo que só poderán ir pagando a medida que vaian vendendo.
Sen embargo, este sindicato sostén que "isto é falso, pois as adegas están atendendo puntualmente as súas obrigas cos provedores, cousa que non fan cos viticultores".
Ademais, o gran problema coa vendima de 2011 foi que se permitiu unha gran sobreprodución de uva, mesmo autorizándose un aumento do cupo do 16% por parte do consello regulador, e entrando cantidades masivas para vinificar. O resultado foron un excedentes que, unido ao descenso do consumo por mor da crise, van ser case imposibles de vender.
Así o puxeron de manifesto varias persoas afectadas nunha asemblea organizada polo Sindicato Labrego Galego en Ribadumia, o pasado venres 18 de xaneiro.
Para asegurar a liquidez das explotacións vitícolas, o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) desenvolveu unha liña de axudas para adiantar os cartos que as adegas lle pagan a viticultores pola colleita. Así, na vendima de 2011, as adegas comprometéronse a pagar en nadal de 2012. Con estas axudas, o Igape adiantou eses cartos en forma de préstamo bancario, de maneira que a Xunta se fixo cargo dos xuros e o diñeiro anticipouse xa en febreiro.Como é costume na denominación de orixe Rías Baixas, as adegas pagan a ano vencido. Neste caso, a vendima de 2011 debería terse pagado en decembro de 2012.
A gran sorpresa veu cando os beneficiarios destas axudas se atoparon sen os fondos nas súas contas bancarias a finais de 2012, ao serlles descontados os cartos gañados coa vendima e as penalizacións por non ter feito as adegas os ingresos que debían na data de vencemento dos pagarés.
Desde o Sindicato Labrego Galego din que este "modus operandi" e semellante ao da estafa das preferentes, "as entidades bancarias non informaron da letra pequena destes pagarés, e o meirande das persoas afectadas que se acolleron ao adiantamento dos cartos descoñecían que nos documentos asinados se poñían elas como responsables e garantía do cobro, e non as adegas"."Mesmo houbo casos de persoas que, ao non ter fondos suficientes,quedaron en números vermellos e tiveron que pedir préstamos para afrontar esa débeda bancaria, mentres que as adegas seguen sen pagar de xeito impune, vivindo de prestado grazas a unha colleita de 2011 que aínda non pagaron".
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.