Adega destaca nunha nota de prensa que a xornada dedicada á limpeza
das praias rexistrou unha grande actividade en toda a costa de Galicia,
e desde moi preto pola mañá, un auténtico exército de persoas
concienciadas coa defensa do medio procederon a retirar o lixo dos
areais e a deixar fermosos os lugares de mar da comunidade autónoma. A
nota explica o seguinte:
"Dende
Nigrán ate Ribadeo, grandes e pequenos saíron ás súas praias nunha
xornada de limpeza simultánea que pretende concienciar á cidadanía da
necesidade de reducir o consumo diario de plástico, reutilizar o máximo
posible e reciclar.
"Dende
as 9 da mañá as limpezas fóronse desenvolvendo en todo o litoral
galego. Houbo centros de ensino, escolas de surf, ONG ecoloxistas,
asociacións culturais, asociacións de mulleres rurais e ata
mergulladores. Todas e todos tiñan o mesmo fin, limpar a praia e crear
conciencia. Foron milleiros de kilos os que se retiraron das praias a
maioría de orixe plástico. Cordas de todo tipo, aparellos de pesca,
caixas, botellas, tapóns, e outros tantos restos que rematan cada día no
mar.
"Alén da Limpeza nalgúns lugares a xornada tamén serviu para dar a
coñecer a importancia e biodiversidade dos areais e dos ecosistemas
dunares; fixéronse tarefas de identificación dun pequeno golfiño riscado
(Stenella coeruleoalba), aparecido morto na praia de Queiruga, e
localizáronse niños de pillara das dunas (Charadrius alexandrinus) que
se sinalaron, para evitar o seu pisoteo, observáronse tamén os adultos
desta pequena, bulideira e ameazada ave.
"O
plástico nos océanos afecta á flora e fauna mariña, nomeadamente para
algunhas especies ameazadas como cetáceos, tartarugas ou aves mariñas,
xa que inxiren plásticos confundíndoos con alimento. Tamén poden acabar
enredados en bolsas, sacos ou redes que lles provocan graves lesións,
dificultades para moverse e, finalmente, poden causar a súa morte. Outro
dos problemas é que o plástico acaba desfacéndose en pequenos anacos
que son inxeridos por peixes que poden rematar nos nosos pratos. Isto
fai que os compoñentes tóxicos e perigosos dos plásticos pasen aos seres
humanos, afectando directamente á nosa saúde.
"Moito
do plástico que se atopa nas praias e nos océanos do mundo chega alí
despois de ser usado por calquera de nós. É por iso que debemos reducir o
noso consumo de plástico para evitar que de un xeito ou outro remate
nos océanos. Moitos dos envases que utilizamos cada día son innecesarios
e prescindibles. É posible mercar os nosos produtos a granel, escoller
os recipientes de vidro e retornables, rexeitar as bandexas de
poliestileno, etc. pequenos xestos que axudan a que o noso planeta non
sufra tanto.
"ADEGA quere subliñar que as limpezas de praias no día dos océanos non
debe ser un feito aillado, e convida a calquera persoa a recoller o lixo
do noso litoral sempre que poida. A limpeza de praias debe facerse de
xeito manual, respectando os ecosistemas dunares, e tendo especial
coidado coa fauna e flora que nelas habita. Deste xeito poderemos
reflexionar sobre a orixe dos nosos residuos e evitar que rematen nos
estómagos de animais.


No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.