As primeiras denuncias chegaron de boca de
familiares de persoas con autismo, pero en realidade os prexudicados son
moitos máis, porque afecta tanto aos concertos con centros que ofrecen
logopedia como rehabilitación.
Segundo indicou onte a nai dunha nena con
espectro autista, a sorpresa leváronlla o venres pasado, «cando nos
chamaron por teléfono do centro onde recibe o tratamento en Vilagarcía e
dixéronnos que se lle reducían as horas de logopedia, que quedaban na
metade. E informáronnos por teléfono, da mesma xeito que lles informaron
a eles».
Nicole Rial, a nai afectada, decidiu mover onte
Roma con Santiago para que alguén lle dese unha explicación: «Ou polo
menos que mo poñan por escrito». Foi a Pontevedra, e tras percorrer
moitos despachos, conseguiu unha cita para a semana que vén en Vigo, co
servizo de concertos. «Eu xa sei que me van dicir que é a crise, pero
crise é o que teño eu na miña casa, con este problema».
De momento, o que sabe Nicole e os demais pais
afectados -porque a medida afecta a practicamente todos os nenos que
teñen síndrome autista- é que recentemente se publicaron no Diario
Oficial de Galicia os novos baremos e que, na práctica, supón que na
maioría dos casos as sesións de logopedia redúcense. «A miña filla tiña
tres á semana e agora vai ter dúas». Nicole Rial é consciente da
gravidade da situación económica, «pero en todo caso son eles os que
xestionaron mal, eu pagaba os meus impostos e sígoos pagando». E sobre
todo, non lle parece correcto como se lle informou do cambio. «Déixanlle
o marrón ao propio centro».
Non se descartan mobilizacións, porque de momento
son os pais a nivel particular os que están a ser informados da nova
medida, pero como moitos son socios de Por Dereito, o máis probable é
que o problema chegue á propia asociación e tómense medidas conxuntas
que poderían implicar mobilizacións.
En Por Dereito hai case un centenar de familias, e
case todos os nenos reciben tratamento de logopedia. A maiores están os
pacientes que asisten a rehabilitación.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.