A Xunta asina o convenio para executar a mellora dos sistemas de saneamento de Vilanova de Arousa e de Cambados cun investimento autonómico de 6,25 M€
O obxectivo é resolver as deficiencias no sistema mancomunado de saneamento que comparten estes municipios e cuxas augas residuais teñen destino final na estación depuradora de Tragove
A Xunta asume o financiamento das actuacións e a contratación e execución das obras e os concellos deberán pór á disposición os terreos necesarios, tramitar as autorizacións para as obras e asumir posteriormente as actuacións realizadas
O prazo para desenvolver os traballos é de 15 meses para a actuación en Cambados e de 18 meses no caso da de Vilanova de Arousa
Selouse tamén o acordo polo que Augas de Galicia continuará a asumir a xestión, explotación, conservación e mantemento da estación depuradora de Tragove, de titularidade dos concellos de Cambados e Vilanova de Arousa
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez e os alcaldes de Vilanova de Arousa e de Cambados, Gonzalo Durán, e Fátima Abal, respectivamente, asinaron hoxe o convenio de colaboración para impulsar a mellora dos sistemas de saneamento municipal nestes dous concellos, que suporá un investimento autonómico de máis de 6,25 millóns de euros.
Vázquez Mourelle selou o acordo esta mañá nas dependencias da delegación territorial da Xunta en Pontevedra co alcalde de Vilanova de Arousa, mentres a alcaldesa de Cambados asinou de xeito telemático. O obxectivo do acordo é resolver as deficiencias no sistema mancomunado de saneamento que comparten estes dous municipios e cuxas augas residuais teñen destino final na estación depuradora de Tragove.
O departamento que dirixe Ethel Vázquez, a través de Augas de Galicia, financiará integramente a contratación e a execución das obras.
Pola súa banda, os concellos de Vilanova de Arousa e de Cambados, como beneficiarios desta colaboración da Xunta nas súas competencias de saneamento e depuración, deben aprobar o proxecto en pleno municipal, poñer os terreos á disposición e asumir o compromiso de recepción e explotación das actuacións.
As actuacións proxectadas pola Xunta teñen un prazo de execución de 15 meses no caso da actuación en Cambados e de 18 meses no caso de Vilanova de Arousa. Estas intervencións son cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.
As obras proxectadas
As obras proxectadas, de acordo co Plan de saneamento da ría de Arousa redactado por Augas de Galicia, céntranse na resolución dos problemas que presenta a citada rede de saneamento destes concellos debido, fundamentalmente, a unha elevada incorporación de augas pluviais, que non son xestionadas axeitadamente, e ao funcionamento deficiente da estación de tratamento de augas residuais do Facho.
As actuacións previstas no sistema de saneamento de Cambados inclúen a construción dunha rede separativa e a eliminación da depuradora do Facho, conectando estas augas residuais á estación de tratamento de augas residuais de Tragove.
Coa rede deseñada, servirase unha poboación máxima de 16.309 habitantes para o ano horizonte 2043.
Respecto do sistema de saneamento de Vilanova de Arousa executarase un tanque de tormentas, a condución de desaugadoiro do aliviadoiro de emerxencia do tanque de tormentas, a impulsión desde este tanque ata a depuradora de Tragove, así como impulsións secundarias e a remodelación dos bombeos.
Con estas actuacións darase servizo a unha poboación de 11.687 habitantes para o ano horizonte 2044.
Como complemento á actuación, en Vilanova de Arousa proxéctase a execución dunha senda peonil de 4 metros de ancho, que conectará dous tramos xa existentes e baixo a cal irán enterradas as conducións. Con esta intervención preténdese revalorizar a área, mellorando a servidume de paso, favorecendo o tránsito peonil e dos vehículos de vixilancia e salvamento.
Xestión da depuradora de Tragove
No mesmo acto selouse tamén o acordo polo que Augas de Galicia continuará a asumir a xestión, explotación, conservación e mantemento da estación depuradora de Tragove, de titularidade dos concellos de Cambados e Vilanova de Arousa.
Deste xeito, a Xunta atende a solicitude destes dous concellos, que consideran necesario que Augas de Galicia continúe a xestionar e explotar as instalacións da estación de tratamento de augas residuais de Cambados e, en consecuencia, a prestación do servizo de depuración de augas residuais de competencia municipal.
Cómpre lembrar que a entidade hidráulica da Xunta vén prestando o servizo de depuración desde o mesmo remate da execución destas instalación municipais no ano 2005, por un período inicial de 15 anos.
O citado contrato, logo de prorrogarse, finaliza en agosto do 2022 e Augas de Galicia prevé a súa prórroga ata a recepción das obras de adecuación do tratamento secundario e terciario e outras actuacións de mellora na estación depuradora de augas residuais de Tragove.
O departamento que preside Ethel Vázquez mantén a prestación de apoio técnico e económico aos concellos para que poidan desenvolver de xeito eficiente as súas competencias de saneamento e abastecemento, reforzando as garantías relativas á saúde pública, ao medio natural, á pesca, ao marisqueo ou ao turismo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.